O Evanxeo de cada día con ollos de aldea

Manuel Regal Ledo

 

27 de abril: Domingo. 2º de Pascua ou da Divina Misericordia

1ª lectura: Feit 5, 12-16. Salmo 117, 2-4. 22-24. 25-27a.

2ª lectura: Ap 1, 9-11a. 12-13. 17-19

Evanxeo: Xn 20, 19-31

Naquel día, o primeiro da semana, ao serán, estando pechadas as portas onde estaban os discípulos por medo dos xudeus, chegou Xesús e, poñéndose no medio, díxolles:

–Paz convosco.

Dito isto, mostroulles as mans e máis o costado. Os discípulos alegráronse, vendo o Señor. E díxolles outra vez:

–Paz convosco. Como o Pai me mandou a min, tamén eu vos mando a vós.

E, dito isto, alentou sobre eles e díxolles:

–Recibide o Espírito Santo. A quen lles perdoedes os pecados, quedaranlles perdoados; a quen llelos reteñades, quedaranlles retidos.

Pero Tomé un dos doce, o chamado Xemelgo, non estaba con eles cando chegou Xesús. Dicíanlle entón os outros discípulos:

–Vimos o Señor.

Pero el contestoulles:

–Como non vexa nas súas mans os buracos dos cravos e non meta nelas o meu dedo; como non meta a miña man no seu costado, non crerei.

Oito días despois estaban outra vez dentro dos discípulos e Tomé con eles. Chegou Xesús, estando pechadas as portas, e, poñéndose no medio, dixo:

–Trae aquí o teu dedo e mira as miñas mans; trae a túa man e métea no meu costado. Non sexas incrédulo, senón home de fe.

Tomé respondeulle:

–Meu Señor e meu Deus.

Xesús díxolle:

–Tes fe porque me viches? Benia os que creron sen veren!

Meditación

O evanxeo de cada domingo quérenos axudar nesta tarefa, poñéndonos en contacto co Xesús vivo, a través da súa palabra, a través da memoria dos seus feitos de vida. Que fermoso é neste sentido o evanxeo de hoxe! Cóntanos o que Xesús foi sendo para aquelas primeiras discípulas e discípulos de Xesús. Cóntanos polo mesmo o que quere ir sendo con todos e todas nós. Os primeiros discípulos e discípulas forman unha comunidade medrosa. Coma nós, que tamén andamos encollidos de espírito, case avergonzados de sermos cristiás e cristiás e de coma tales nos manifestar no medio da nosa sociedade. Xesús dálles, antes de nada, paz e serenidade, orgullo do bo e valentía. Ponlles unha encomenda nas mans: o Pai me mandou a min, eu tamén vos mando a vós. Nada de estar pechados, agachadas, con medo: saír, ir á vida, ás rúas, aos lugares de traballo, aos tempos de ocio e lecer, e, cos feitos máis que coas palabras, pero tamén coas palabras, ir transmitindo sinxelamente a vida, a riqueza da nosa fe feita vida. Ponnos nas mans unha tarefa, pero tamén nos dá forzas para levala a cabo: verte sobre nós o seu Espírito, que fora o motor da súa vida tan humilde e tan valente, un Espírito que el á súa vez recibira, acollera do Pai, con quen tanto intimaba. E dálles así poder para ser xente de xustiza, de protesta, de perdón, de servizo, de reconciliación. Non é de todo isto do que o Papa Francisco nos está falando tamén unha e mil veces? Pasaron dous mil anos desde o acontecemento narrado polo evanxeo, pero que próximo está de todos nosoutros/as!

Hai quen cre nisto e quen non. Hai a persoa disposta, crente, non inxenua, que se apunta deseguida a todo o que sexa potenciar a vida, a comunidade, a organización, a defensa do débil, … e goza con iso e transmite ese seu gozo a cantas persoas a rodean; e hai quen recea e recea, aquel para quen todo son pegas, dificultades, desconfianzas, medos, incapaz de dar o salto, de crer, de esperar, … e derrótase antes tempo nas súa propia amargura. Pero tamén para eses, como lle pasou ao Tomé do evanxeo, tamén para esas persoas pode chegar a hora da súa Pascua particular, a que os pase da desconfianza á entrega, do medo á ousadía, da receo á alegría de vivir e axudar a vivir. Esteamos onde esteamos, deixemos que Xesús nos atope e nos empuxe cara á Pascua. Iranos ben.

Na celebración de hoxe, a través da palabra, do sacramento, da comunidade, se nos deixamos levar polo Espírito de Xesús, podemos revivir todo o que aquelas primeiras discípulas e discípulos viviron hai pouco menos de dous mil anos. Oxalá!

Oración

Non te podo esquecer, Xesús,

non te podo esquecer.

 

Desde moito tempo hai

entraches na miña vida

pola porta ampla da comunidade cristiá,

pola porta estreita e secreta

daquel encontro inesquecible, de ouro,

que só ti e máis eu coñecemos.

 

Foron pasando moitas cousas entre nós,

cousas de amores e fidelidades,

cousas de receos e abandonos,

nun longo e pedregoso camiño.

E ti segues aí,

á espera de reencontros e de apertas,

de soños novos, de vida nova.

 

Morriches,

ás veces penso que estás morto en min.

Pero o teu recordo acéndese no meu corazón,

avivécese

como se avivece o remol do lume,

cando o vento o custodia e o azouta.

 

Morriches,

pero espertas en min,

revives en min,

ábresme os ollos

e véxote valente e festivo

en todas as apostas, pequenas ou grandes,

que promoven a vida

(desde a da labrega loitadora, que coida e defende a terra

coma nai servidora de froitos,

ata a do voluntario sereno que acompaña presos/as,

protexendo a lapiña a piques xa de finar).

 

Recórdasme os preciosos nomes

cos que petaches outrora á miña porta:

soños, irmáns/ás, liberdade,

xustiza, perdón, igualdade,

dereitos, loita, festa,

acougo, paz, comunidade…,

e acendese en min a vida,

e véxote de novo ao meu carón

estendendo a man,

incitándome ao camiño,

disposto a acompañarme,

a facerte unha vez máis servidor da miña fraxilidade.

 

As nosas historias, Xesús,

as nosas conversas,

os nosos segredos…

Meu Señor e meu Deus!

Acción

O Papa invítanos con frecuencia a sermos unha Igrexa en saída, non acurrunchada, con medo. Podemos manifestar a nosa fe cristiá, o noso seguimento de Xesús cando o vexamos oportuno. Sabendo, iso si, que os feitos falan de nós moito mellor do que as palabras.

 

28 de abril: Luns da 2ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 4, 23-31

Salmo: 2, 1-3. 4-6. 7-9

Evanxeo:  Xn 3, 1-8

Había entre os fariseos un home chamado Nicodemo, maxistrado dos xudeus. Este veu onda Xesús pola noite e díxolle:

–Rabí, sabemos que viñeches de Deus como mestre, pois ninguén pode facer estes signos que ti fas, non sendo que Deus estea con el.

Respondeulle Xesús:

–Con toda verdade cho aseguro: como un non naza de novo, non pode ver o reino de Deus.

Replicoulle Nicodemo:

–¿Cómo pode un home nacer, sendo vello? ¿Pode entrar outra vez no seo da nai e nacer?

Respondeulle Xesús:

–Con toda verdade cho aseguro: como un non renaza pola auga e polo Espírito, non pode entrar no reino de Deus. o que naceu da carne é carne; e o que naceu do Espírito é espírito. Non che estrañe que che dixese “é necesario que nazades de novo”. O vento sopra onde quere e ti séntelo zoar, pero non sabes de onde vén nin para onde vai. Así pasa con todo aquel que naceu do Espírito.

Meditación

Nicodemo vía algo sorprendente en Xesús e buscaba, aínda que o grupo dos fariseos, ao que pertencía, non animaba a iso. E esta unha moi boa actitude, e éo ante calquera persoa ou circunstancia da vida que nos toque un pouquiño aló dentro. Non deixar pasar os toques, as chamadas da vida.

E Xesús non decepciona a Nicodemo, como non nos decepcionará a ninguén de nós se a el nos achegamos con espírito de aprendiz, de buscadora. A proposta de Xesús non é nada superficial: trátase de nacer de novo; tratase de poder facer de nós unha persoa nova, con capacidade de romper con vellos e rutineiros modelos persoais e sociais que non dan de si máis ca desilusión e apagamento; trátase de embarcarse nunha aventura persoal e social sinalada polo afán polo común, ao que tods nos debemos e co que todas quedamos confortadas e reforzadas. Esta aventura demanda implicación persoal e, ao tempo, capacidade de abandono nas mans sempre imprevisibles do Espírito. Coa garantía do mesmo Xesús.

Oración

Que o teu Espírito, Xesús,

me renove todo enteiro,

mente, corazón, decisións.

Que o teu Espírito

renove a nosa comunidade cristiá

e a faga fiel seguidora túa.

Que o teu Espírito

renove o rostro da terra

e das persoas que a habitamos.

Que o teu Espírito

nos converta para a ledicia do común,

para a vida e a festa da irmandade.

Acción

Posiblemente teñamos algunhas dúbidas sobre cousas de fe, sobre cousas da vida, sobre como facer con tal ou cal cousa que consideramos importante. Seguro que ao noso redor hai algunha persoa que nos pode axudar algo. Acudimos a ela.

29 de abril: Martes| Festa de Santa Catarina de Siena, doutora e patroa de Europa

1ª lectura: 1 Xn 1,5—2,2.

Salmo: 102.

Evanxeo: Mt 11,25-30 

Nunha ocasión dixo Xesús:

–Bendito sexas, meu Pai, Señor do ceo e máis da terra, porque lle escondiches estas cousas á xente sabia e entendida e llas revelaches á xente humilde. Si, meu Pai, bendito sexas por che agradar iso así. Meu Pai ensinoume todas as cousas e ninguén coñece o Fillo agás o Pai, nin ninguén coñece o Pai agás o Fillo e a persoa a quen o fillo llo queira revelar.

Achegádevos a min todas as persoas que estades cansas e oprimidas, que eu vos aliviarei. Cargade co meu xugo e aprendede de min, que son bo e humilde de corazón e atoparedes acougo para as vosas almas; porque o meu xugo é doado de levar e a miña carga é liviá.

Meditación

Catarina de Siena (Siena, 1347 – Roma, 1380) foi unha gran muller mística; isto quere dicir que, no seu caso, desde moi noviña, tivo unha especialísima experiencia de Deus na súa vida, conforme as formas de piedade daquela época. Meteuse monxa dominica e viviu a fondo o anunciado por Xesús no evanxeo de hoxe. Gozou dun coñecemento amoroso de Deus durante anos de soidade e retiro, pero tamén se ofreceu coma Xesús para ser alivio da xente desfavorecida e, sobre todo a partir dos 23 anos,  para promover a paz e a concordia dentro e fóra da Igrexa. Paulo VI nomeouna Doutora da Igrexa no 1970, e Xoán Paulo II declarouna Patroa de Europa no 1999.

Invítanos santa Catarina a coidar a nosa experiencia de Deus, e invítanos tamén a ser persoas de reconciliación. Ambas as dúas cousas ben necesarias no momento histórico que nos toca vivir. Tamén nos invita a soñar co marabilloso papel que poderían desempeñar as mulleres na Igrexa, deixándolles desenvolver as súas capacidades todas.

Oración

Para construír unha Europa fraterna,

FORTALÉCENOS, CATARINA.

Para superar vellos tics de prepotencia.

Para respectar aos pobos pequenos do Terceiro Mundo.

Para abrir as nosas portas a quen por necesidade peta nelas.

Para construír Europa desde a preferencia polo pequeno.

Para vivir e morrer coa paz sempre nas mans.

Para investir en pan o que investimos en armas.

Para abrir o noso progreso á forza do Espírito.

Acción

Podemos achegarnos algo á biografía de Santa Catarina, desde calquera santoral ou desde o mesmo google. Seguro que atoparemos aspectos que nos sorprendan e animen.

30 de abril: Mércores da 2ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 5, 17-26

Salmo: 33, 2-3. 4-5. 6-7. 8-9

Evanxeo: Xn 3,  16-21

Naquel tempo díxolle Xesús a Nicodemo:

–De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.

Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre xa está xulgado, porque non creu no fillo Unixénito de Deus. Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ao mundo, a xente escolleu a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. Pois todo o que fai o mal odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras. Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras, porque están feitas como Deus quere.

Meditación

En Xesús Deus ofrécenos unha maneira de vivir curadora, liberadora. Ofrécenos o camiño de encontro co Deus Pai/Nai que nos sustenta en todo momento, que nos envolve en cada instante coa súa vontade amorosa e servidora. Ofrécenos luz para a vida, ensínanos a vernos a nós mesmas como persoas sempre queridas, sempre merecedoras de aprecio; ensínanos a ollar a xente que nos rodea da mesma maneira. Ofrécenos poder vivir como unha grande familia, na que, como pasa nas familias normais, a persoa máis débil é mellor atendida. Ofrécenos perdón para espertar cando desfalecemos e nos deixamos levar por olladas de dominio, de individualismo. Ofrécenos Espírito para resistir as forzas propias ou alleas que nos queren torcer este camiño de encontro e de unidade.

Non por dicir que cremos en Xesús xa está todo feito. Tampouco non podemos condenar a quen non cre en Xesús. Este Espírito de Deus do que falamos anda tamén no medio de xentes e pobos que non teñen fe en Xesús, pero que á hora da verdade actúan conforme a ese fondo de humanidade polo que Xesús apostou vivamente no nome de Deus. E iso é o importante.

Oración

Si, claro que si, meu Deus,

podo escoller as tebras no canto da luz,

a falsidade no canto da honradez,

o aproveitamento no canto do servizo,

a indiferenza no canto da solidariedade,

a corrupción no canto da transparencia,

as trampas no canto da xustiza,

o vicio no canto da moderación,

as dependencias no canto da liberdade,

a mentira no canto da verdade,

o odio no canto do amor,

e así, así,

que difícil resulta amañar a propia vida!

Só  ti, meu Deus, es quen de me fortalecer.

A ti me encomendo.

Acción

Podemos mirar se nalgún campo da nosa vida nos permitimos andar en escuridade, é dicir, fóra do esplendor da Pascua. Algo poderemos facer para a luz de Cristo resucitado alumee e recupere esas escuridades.

1  de maio Xoves da 2ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 5, 27-33

Salmo: 33, 2 e 9. 17-18. 19-20

Evanxeo: Xn 3,  31-36

Nunha ocasión dixo Xesús:

–Quen vén de arriba está por riba de todos; quen é da terra á terra pertence e da terra fala. O que vén do ceo está por riba de todos; do que viu e oíu, disto dá testemuño; pero ninguén acepta o seu testemuño. Quen acepta o seu testemuño confirma que Deus é verdadeiro. Porque aquel a quen Deus mandou fala as palabras de Deus, que non dá o Espírito cunha medida limitada.

O Pai ama o Fillo e púxolle todas as cousas nas súas mans. Quen cre no Fillo ten vida eterna; pero quen non obedece ao fillo non verá a vida, porque a ira de Deus pesa enriba del.

Meditación

Deus non está fóra de nós, do mundo; Xesús non veu de fóra para facer o seu traballo e volverse para a súa casa do ceo. Ás veces non sabemos ben como explicar o misterio da vida sostida e alimentada polo Espírito de Deus. Pero ese é o noso misterio. Ese foi o misterio de Xesús: home en todo coma nós, pero, iso si, completamente fiel sempre ao Espírito de Deus, a Deus mesmo. Do que el foi aprendendo e vivindo é do que el nos fala; transmítenos a súa experiencia; compártea connosco. Todo ole en Xesús a fidelidade, a verdade, a desprendemento, a solidariedade, a amor. Podémonos fiar del. Hai nel un camiño certo de vida. Iso polo menos cremos as persoas que tivemos a sorte de o ir coñecendo e de introducirnos polo seu camiño de vida. Estamos chamadas a ser testemuñas diso, coa nosa vida sobre todo, tamén coa nosa palabra. Como fai Deus sempre, como fixo Xesús, propoñemos iso humildemente a quen queira aceptalo. Non xulgamos a ninguén, non condenamos a ninguén, non ameazamos a ninguén. Queremos a todo o mundo e gustaríanos que todo o mundo participase do ben que nós atopamos en Xesús, en Deus.

Oración

Grazas, meu Deus,

porque es fiel.

Grazas porque cada día, cada hora,

estás aí, ao pé da nosa vida,

sosténdoa, alumeándoa, fortalecéndoa.

Grazas porque es abundante nos teus dons:

dásnos o teu Espírito sen mérito nin medida.

Grazas por Xesús,

esa xoia de ser humano,

no que ti te nos amosas claramente,

no que nós intuímos a verdade da nosa existencia.

Grazas, meu Deus.

En que misterio de vida nos envolves,

con canta solicitude nos abrazas!

Acción

Se somos tratadas por Deus con tanto agarimo, sería ben que nós fosemos testemuñas del envolvendo en agarimo e coidado todas as cousas que facemos, todos os animais cos que vivimos, todas as persoas que nos rodean. Con amor e con xustiza.

2  de maioVenres da 2ª semana de Pascua

1ª lectura: Feit 5, 34-42

Salmo: 26, 1. 4. 13-14

Evanxeo: Xn 6,  1-15

Naquel tempo foi Xesús á outra banda do mar de Galilea (o de Tiberíades). Seguíao unha chea de xente, porque viran os sinais que facía na xente enferma. Subiu Xesús ao monte e sentou alí cos seus discípulos. Estaba a chegar a Pascua, a festa dos xudeus. Levantou a vista Xesús e, vendo vir tanta xente cara a el, díxolle a Filipe:

–Onde imos mercar pan, para que coma esta xente? (Isto dicíao para tentealo, que el ben sabía xa o que ía facer).

Respondeulle Filipe:

–Nin medio ano de xornal chega para que cada un deles reciba un codelo.

Un dos seus discípulos, André, o irmán de Simón Pedro, díxolle:

–Hai aquí un rapaz que ten cinco bolos de pan de cebada e dous peixes. Claro que, que é iso para tanta xente?

Xesús ordenou:

–Facede sentar a xente.

Había moita herba naquel sitio. E sentaron como uns cinco mil homes. Entón colleu Xesús os pans, deu grazas, e repartiu aos sentados canto quixeron, e o mesmo fixo cos peixes. Cando se fartaron, díxolles aos seus discípulos:

–Recollede os anacos sobrantes, para que non se estrague nada.

Entón xuntáronos e encheron doce cestas cos anacos dos cinco bolos de pan de cebada, que lles sobraran aos que comeron. Ao veren aqueles homes o sinal que fixera, dicían:

–Este si que é o profeta que había de vir ao mundo.

Entón Xesús, decatándose de que o ían vir coller para proclamalo rei, retirouse só outra vez ao monte.

Meditación

Quen é o Xesús resucitado, que celebramos e agradecemos nestes días de Pascua? Onde descubrir a súa presenza viva no medio de nós? Non é un Cristo estraño que se refuxia en Deus, despois dunha tarefa xa cumprida. É un Cristo ao pé da xente, ao pé das dores da xente enferma ou sedenta. Un Cristo gustoso da soidade que pacifica e que libera, pero que por iso mesmo escoita axiña  o reclamo da debilidade. É un Cristo que nos mobiliza ante as carencias, que nos esperta para a colaboración, para poñer o propio ao servizo do comunitario, con formas persoais ou con sistemas sociais, políticos. É o Cristo capaz de fartar fames fondas, máis alá da fame de pan de cada día, sen esquecer este. É o Cristo servidor, que non quere esquecer o seu papel de tal en ningún momento, por moito que a xente, onte e hoxe, nos guste convertelo en rei e señor.

Oración

Servidor,

só servidor,

sempre servidor,

Xesús,

na vida e na morte

e na mesma resurrección.

Coroado de gloria

como o gran servidor,

guía de servidores e servidoras,

mestre de servidores e servidoras.

Grazas, Xesús,

na túa escola de servizo

quero eu entrar.

Acción

Podemos intentar descubrir na nosa vida, na vida da xente que nos rodea, sinais dese Cristo vivo que nos acompaña. Descubrilo, agradecelo, aprender del.

3  de maioSábado| Festa de San Felipe e Santiago, apóstolos

1ª lectura: 1 cor 15, 1-8.

Salmo: 18, 2-3. 4-5b

Evanxeo: Xn  14,  6-14

Díxolles Xesús aos seus discípulos:

–Eu son o camiño, a verdade e a vida; ninguén chega onda o Pai máis ca por min. Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai; aínda que xa desde agora o coñecedes e o tedes visto.

Felipe díxolle:

–Señor, móstranos o Pai e abóndanos.

Xesús respondeulle:

–Pero, Felipe, levo tanto tempo convosco e ¿aínda non me coñeces? Quen me viu a min viu o Pai. ¿Cómo dis entón: móstranos o Pai? ¿Non cres que eu estou no Pai e o Pai en min? As palabras que eu vos digo non as falo pola miña conta; é o Pai, que permanece en min, quen fai as súas obras. Crédeme que eu estou no Pai e o Pai en min. Se non, polo menos crede por esas mesmas obras. Con toda verdade volo aseguro, quen cre en min fará el tamén as obras que eu fago e faraas meirandes aínda, pois estou para irme onda o Pai; e o que pidades no meu nome heino facer, para que o Pai sexa glorificado no Fillo. Se algo me pedides no meu nome, eu fareino.

Meditación

Co asunto de Deus, coa experiencia de Deus, andaba perdida a xente contemporánea de Xesús, e andamos perdidos tamén moitos homes e mulleres de hoxe. Para moit@s é unha pura trola. Para moit@s, un “algo hai”. Para moito@s, un verdadeiro ídolo. Para moit@s, alguén ao que acudir por comenencias. Para moitos e moitas tamén, alguén a quen temer por medo a desgrazas presentes ou eternas. Para moit@s, un sustento, unha fonte de vida, o comezo e a fin de todo, alguén que nos acompaña secretamente, pero eficazmente tamén, nos vaivéns todos da vida: unha forza de solidariedade no amor, que nos conduce cara á total reconciliación e unidade, tantas veces rota entre nós por maldades e abusos que nos facemos.

Xesús ofrécesenos como camiño certo cara a Deus, con quen el trataba coma cun Pai ou Nai, e por iso así o chamaba, como alguén próximo, familiar, íntimo; como alguén con quen paga a pena vincular toda a vida. As palabras de Xesús, as súas obras sobre todo, o seu xeito de tratar con Deus e de tratar coa xente son para quen cremos nel a maneira correcta de achegarnos con verdade a Deus. E respectamos, por suposto, a quen faga esa busca de Deus por outros camiños.

Oración

Polo teu camiño quero andar, Xesús,

para achegarme a Deus con verdade,

para andar entre a xente con verdade tamén,

para entenderme e vivirme a min mesmo na verdade.

Na túa verdade quero camiñar, Xesús,

para atinar nos camiños da vida,

para integrarme en toda a creación fraternalmente

para xerar contigo gozos e esperanzas.

Da túa vida quero vivir, Xesús,

para poder gozar a miña existencia,

para poder compartila xenerosamente,

para deixar que Deus sexa en min, con toda humildade.

Grazas, Xesús,

por seres camiño, verdade e vida.

Acción

Canto tempo levamos nós tamén enredad@s nas cousas de Xesús e tamén escasamente o coñecemos. Xesús era máis de vivir cara a Deus, cara á xente débil, ca non de botar discursos. Con que insistencias vivimos nós a cousa relixiosa?

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?