O Evanxeo de cada día con ollos de aldea
Manuel Regal Ledo
1 de xuño: Solemnidade da Ascensión do Señor
1ª lectura: Fei 1, 1-11. Salmo: 46, 2-3. 6-7. 8-9.
2ª lectura: Ef 1, 17-23.
Evanxeo: Lc 24, 46-53
Naquel tempo díxolles Xesús aos seus discípulos:
–Así está escrito: o Mesías padecerá e resucitará de entre os mortos no terceiro día, e predicarase no seu nome a conversión e máis o perdón dos pecados a todos os pobos, empezando por Xerusalén. Vós seredes testemuñas de todo isto. E eu heivos mandar o don prometido por meu Pai. Entrementres seguide na cidade ata que se vos revista co poder que vén de arriba.
Despois levounos para fóra, a un lugar preto de Betania, e alí, erguendo as mans, bendiciunos.
E mentres os bendicía, foise separando deles, e foi elevado ao ceo. Eles, despois de se prostraren perante el, volveron para Xerusalén cheos de alegría. E seguían decote, no templo, bendicindo a Deus.
Meditación
Estamos ante o texto final do evanxeo de Lucas. As primeiras persoas cristiás tiveron unhas vivencias intensas ao redor da morte e da resurrección de Xesús. Esas vivencias intensas os evanxelistas plasmáronas en relatos, e, uns máis ca outros, tamén as diversificaron no tempo e no espazo: resurrección, encontros con Xesús, don do Espírito, Ascensión, sendo que todo este conxunto de realidades forman unha unidade que ten por centro a resurrección de Xesús. O evanxeo de hoxe empeza poñendo na boca de Xesús un precioso resume do experimentado polos seus primeiros seguidores e seguidoras, e conclúe cun relato un pouco simplista, simbólico, do feito mesmo da Ascensión.
O resume do experimentado polas persoas seguidoras de Xesús é sinxelo e fondísimo, e sinala aspectos que teñen unha total actualidade para quen hoxe nos seguimos apuntando ao seu discipulado. Primeiro dinos como os primeiros cristiáns e cristiás, levadas polo Espírito, caeron na conta da reinterpretación vital que Xesús fixera da figura do Mesías, e, polo tanto, do seu propio liderado e de todo liderado que se pretenda chamar cristián. Á resurrección, á plenitude da vida, ao gozo dunha vida enteira, consistente, feliz, resucitada, accédese a través do amor, do apaixonamento, do conflito, do padecemento. É o que dicía Xesús mesmo de que el non viñera para ser servido senón para servir. Este é un sinal de identidade de todo liderado cristián, é unha excelente achega que os cristiáns podemos facer en toda etapa histórica, tamén na presente, na que parece que os liderados están marcados en moitos casos pola busca do proveito e das propias comenencias e non do servizo. No Papa Francisco estamos vendo cousas propias do liderado de Xesús, e por iso nos está gustando tanto e exerce unha boa atracción sobre nós. En parcelas máis pequenas ou máis grandes case todas temos algún liderado que exercer, non só o Papa.
Outra cousa importante do descuberto polas primeiras persoas cristiás: no nome de Xesús, na súa persoa, na súa vida, no seu estilo de ser e de afrontar as cousas, na súa maneira de situarte ante a debilidade e ante o poder, en Xesús, hai un inimaxinable potencial de cambio, de conversión, de recuperación, de perdón, de novidade para todas as persoas, para todos os pobos. Que cousa máis fermosa e de tanta responsabilidade temos nas mans as cristiás, os cristiáns! E, se así o podían afirmar aquelas persoas, era porque o estaban experimentando nas súas propias vidas, non era unha teoría barata. Non é esta tamén unha estupenda achega que as cristiás podemos ofrecer no momento presente de Galicia, de España, do mundo, ao que vemos tan precisado de novidade en liña de fraternidade, de xustiza, de paz? Non é esta a tarefa principal que Xesús nos puxo e nos pon nas mans, para que a desenvolvamos con ousadía nos tempos de hoxe tamén? Ben vemos que a cousa é moito máis ca un simple confesar os pecados e que alguén nolo perdoe no confesonario. É unha oferta de cambio e novidade fonda, persoal, social, pola que hoxe mesmo a sociedade tamén está clamando.
Os primeiros discípulos e discípulas entenderon perfectamente que o seu labor principal era ser “testemuñas de todo isto”: do liderado e da vida coma servizo e da novidade rotunda de Xesús. E testemuña é a persoa que dá fe de algo porque o viu, porque o experimentou, porque o viviu. Para ser boa testemuña é moito máis importante a vida do que as palabras. O testemuño da palabra é máis doado ca o testemuño da vida, pero quen realmente nos chama, atrae e arrastra son as testemuñas vivas, as testemuñas que coa súa mesma vida nos mostran que o dito e falado é posible. Como nos gusta a todas, a todos, achegarnos a esas persoas, e deixarnos tocar e coller pola limpeza, simplicidade e verdade das súas vidas! Cando batemos con elas parece que se nos ensancha o corazón e que recuperamos as forzas para todo. Pensemos en persoas concretas que para nós foron ou son testemuñas de Xesús, do de Xesús. Coma persoas e coma comunidades cristiás podémonos preguntar que testemuño estamos dando. Podémonos preguntar que poderiamos facer para mellorar o noso testemuño. Podémonos preguntar tamén como achegarnos a testemuñas vivas para deixarnos inflamar pola forza da súa paixón cristiá.
A proposta de Xesús, onte e hoxe, é unha proposta arriscada, simple pero esixente, por iso non é posible comprometerse con ela máis ca coa forza do don prometido, o poder que vén do alto, o Espírito do mesmo Xesús. Percibírono moi claramente as primeiras cristiás/cristiáns. Percibímolo nós tamén? Somos persoas de oración, desas que petan, chaman, buscan para ter o corazón e a vida sempre aberta ao regalo do Espírito?
No remate do seu evanxeo Lucas destaca dúas cousas que a el lle gustaron moito ao longo da súa presentación da boa nova de Xesús: a alegría e a pregaria. Son a preparación necesaria para recibir o Espírito, pero son tamén xa o sinal da súa presenza. Que ben nos faría a todas, todos, medrar nesas dúas experiencias.
Preces
QUE O TEU ESPÍRITO, SEÑOR,
QUE O TEU ESPÍRITO NOS FAGA FORTES
- Para collerlle gusto ao servizo, e co servizo ser capaces de crear unhas relacións persoais e sociais novas, revolucionarias. Oremos.
- Para seremos testemuñas humildes e ousadas do teu estilo de vida, e contribuír así o que poidamos na melloría da sociedade na que vivimos. Oremos.
- Para afrontar as enfermidades, as desgrazas, as horas baixas, as soidades, os medos ante calquera cousa da vida. Oremos.
- Para ser valentes no momento presente e ser capaces de unirnos aos que loitan para que non acabemos sendo unha sociedade de privilexios para a xente rica e de máis carencias para a xente pobre. Oremos.
- Para manter en nós o don precioso do humor e da alegría, e para sosternos con humildade na oración. Oremos.
Plegaria
Grazas polas túas testemuñas no mundo obreiro e mariñeiro,
os homes e mulleres que coa palabra e coa vida
te fan presente e atraínte.
Grazas polas túas testemuñas no mundo rural,
as persoas que adiviñan a túa presenza viva
na natureza mesma que atenden e traballan
e na unión para a vida e para os traballos.
Grazas polas túas testemuñas no medio das comunidades cristiás,
os servidores e servidoras que explican con vida a túa palabra,
que comprometen a súa vida coa xente máis débil
e celebran agradecidas a túa presenza sempre alentadora.
Grazas polas túas testemuñas no seo das familias,
as que as coidan e miman con mil detalles cada día,
as que fan da casa un verdadeiro niño de afecto e alento,
un espazo aberto para o encontro e a esperanza.
Grazas polas túas testemuñas no mundo da dor e da enfermidade,
as que sofren con paz e esperanza,
con humor e sen malas maneiras,
sabendo agradecer as atencións recibidas;
as que na súa debilidade nos falan da túa forza.
Grazas polas túas testemuñas no medio da xente soñadora,
que non se contentan con seguir coas cousas como están,
nin na Igrexa nin na sociedade,
e nos falan de ti coa súa ousadía, coa súa reflexión, coa súa acción.
Grazas polas túas testemuñas entre as persoas que non son crentes
nin forman parte de ningunha comunidade relixiosa,
e, sen embargo, están apaixonadas pola honradez, pola xustiza,
e ao teu carón fan que a vida nos sexa máis levadeira e soñadora.
Grazas polas testemuñas da loita e da paz,
da alegría e da oración,
da constancia e da fidelidade,
do traballo e do esforzo,
da honradez e da xustiza,
da tenrura e da misericordia,
da pobreza e da simplicidade.
Acción
¿En que cremos que estamos sendo testemuñas de Xesús, da súa fe, da súa vida, da súa causa, da súa forma de relacionarse, da súa acción social?
2 de xuño: Luns da 7ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 19, 1-8
Salmo: 67, 2-3. 4-5ac. 6-7ab
Evanxeo: Xn 16, 29-33
Nunha ocasión dixéronlle a Xesús as persoas que o acompañaban de cerca:
–Mira, agora falas claro, sen andar con voltas. Agora sabemos que o sabes todo e non precisas que ninguén che pregunte; por iso cremos que saíches de Deus.
Xesús respondeulles:
–¿Agora credes? Mirade, vai chegar a hora, e xa chegou, en que vos espallaredes cada un pola súa banda e a min deixarédesme só. Aínda que eu non estou só, pois está comigo o Pai. Díxenvos estas cousas para que teñades paz grazas a min. No mundo haberedes ter apertos; pero tede ánimo, eu vencín o mundo.
Meditación
As persoas que acompañaban a Xesús transmiten satisfacción: todo está claro, entendémolo todo, ningunha dúbida nos invade o corazón e a vida. Pero Xesús devólveos á realidade: ¿Pensades crer? Deixarédesme só! Porque crer non é ter unhas ideas máis ou menos razoadas sobre quen é ou non é Xesús. Crer é vincularse vitalmente ao seu estilo de vida. E iso leva consigo inseguridade, conflito, loita, apertos. Iso si, Xesús asegúralles que iso pode convivir perfectamente cunha grande paz. Paz ao estilo de Xesús, ao estilo das persoas fondamente comprometidas co Deus da vida, da dignidade. Canto podemos aprender daqueles primeiros discípulos e, por suposto, do mesmo Xesús!
Oración
Apréndeme, Xesús,
os camiños da vida,
os camiños da xente desvalida,
os camiños de Deus.
Apréndeme a andar por eles
sen aforrar esforzos,
pero con fonda paz.
Apréndeme a ser humilde,
agradecendo o recibido,
ofrecendo xenerosamente
o que foi madurando en min.
Así ata a hora final,
sen renuncios nin abandonos.
Acción
Podemos decatarnos dalgún aperto polo que esteamos pasando na vida: físico ou espiritual, persoal ou comunitario, social. ¿Cómo o estamos xestionando? ¿Desde a paz e a confianza, ou desde a axitación e o desespero? ¿Cómo nos podería axudar Xesús a afrontalo?
3 de xuño: Martes da 7ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 20, 17-27
Salmo: 67, 10-11. 20-21
Evanxeo: Xn 17, 1-11a
Unha vez Xesús, erguendo os ollos cara ao ceo, dixo:
–Pai, chegou a hora; glorifica o teu fillo, de xeito que o teu fillo te glorifique a ti; conforme lle deches poder sobre todo ser humano, para que outorgue vida a todas as persoas que ti lle deches. E nisto consiste a vida eterna: que te coñezan a ti, o único Deus verdadeiro, e a quen mandaches, Xesús Cristo. Eu glorifiqueite na terra, rematando a obra que me encargaches facer. E agora, Pai, glorifícame onda ti, coa gloria que eu tiña onda ti antes de que o mundo existira.
Eu manifesteite aos seres humanos do mundo que ti me deches. Eran teus e déchesmos e gardaron a túa palabra. Agora coñecen que todo canto me deches vén de ti, pois entregueilles as palabras que ti me encomendaches e eles recibíronas; coñeceron verdadeiramente que saín de onda ti e creron que ti me mandaches. Eu rógoche por eles; non che rogo polo mundo, senón polas persoas que me deches, pois perténcenche; todo o meu é teu, e o teu, meu; e neles quedo eu glorificado. Eu xa non vou estar no mundo; pero eles quedan no mundo, mentres que eu vou onda ti.
Meditación
A vida, que importante é a vida, todo o que é e dá vida! E tamén, á inversa, que dramático é tamén todo o que resta vida, o que mata vida. Deus é vida e está ao servizo da vida, para a natureza, para os animais, para a xente. Xesús veu ser testemuña viva de todo isto, e por iso el estivo sempre ao servizo da vida, e ¡con que forza e fondura!, e contra todo o que a afogaba, ata dar a súa vida para que a vida triunfase na xente, no mundo, en todo o mundo. A súa gloria consiste precisamente niso mesmo: que a xente teña vida!. E dentro de todo ese movemento de vida estamos metidas nós, como persoas que recibimos vida e como persoas que a podemos espallar, incrementar, ou, se cadra, apagar, afogar, matar. Aquí está a nosa derrota humana ou a nosa gloria.
Oración
Que saiba estar atento á vida, Xesús,
algo coma ti polo menos.
Para saber percibila ao meu redor,
para saber agradecela,
para saber coidada,
para facela medrar.
para saber compartila,.
Que a chore ausente,
en min ou en calquera outra persoa;
que a reconstrúa,
cando a vexa esboroada.
Vida limpa, vida digna,
vida solidaria,
vida humanizada á altura do mesmo Deus.
Aléntame.
Acción
Podemos mirar en que estamos contribuíndo a que a vida vaia a máis en nós, na xente que nos rodea. Con que accións, con que formas o estamos facendo. E así participar un chisco na gloria do mesmo Xesús de Nazaré.
4 de xuño: Mércores da 7ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 20, 28-38
Salmo: 67, 29-30. 33-35a. 35b-36c
Evanxeo: Xn 17, 11b-19
Naquel tempo xesús, erguendo os ollos cara ao ceo, orou dicindo:
–Pai santo, coida ti mesmo dos que me entregaches, para que sexan un coma nós. Cando eu estaba con eles, coidábaos no teu lugar. Ti entregáchesmos, eu agarimeinos e ningún deles se perdeu, fóra do fillo da perdición, de xeito que se cumprise a Escritura. Mais agora estou indo a ti e falo estas cousas no mundo, para que teñan eles a plenitude do meu gozo. Eu deilles a túa palabra e o mundo aborreceunos, pois eles non son do mundo, como tampouco eu non son do mundo. Non che pido que os tires do mundo, senón que os gardes do malo. Eles non son do mundo, como eu tampouco non son do mundo. Conságraos na verdade; a túa palabra é verdade. Como ti me mandaches ao mundo, así os mando eu a eles, e por eles conságrome eu, para que tamén eles sexan consagrados na verdade.
Meditación
O mundo é a casa común habitada por millóns de homes e mulleres, entre os que nos contamos. No mundo, na xente, hai cousas marabillosas que nos levan á admiración e ao agradecemento. No mundo hai tamén cousas malas, mala xente, malas ideas, moitos abusos, moita explotación, moito dominio dos poderosos sobre a xente máis humilde, moitas guerras sempre interesadas nas que morren miles de inocentes. Calquera de nós levamos no noso corazón parte desas cousas marabillosas que hai no mundo e, moi posiblemente tamén, parte desa maldade que ensucia o mundo.
Como habitantes do planeta, como persoas cristiás o mundo é o noso lugar. Non queremos nin debemos fuxir del. Cara a onde? Xesús invítanos a estar no mundo, pero a estar dunha maneira inocente, xusta, responsable, agradecida, loitadora, solidaria, deixándonos conducir pola súa palabra, polo seu estilo de vida, pola súa ilusión de facer deste mundo unha casa de irmás e irmáns en todo. Custe o que custe.
Ti apréndesme, Xesús,
a gozar coas cousas boas todas que hai no mundo,
a gozar con tanta xente boa que o habita,
a alegrarme polo ben que descubro na miña propia vida.
Grazas, Xesús.
Pero ti apréndesme tamén, Xesús,
a fuxir das cousas malas do mundo
que se achegan á porta do meu corazón tentándome:
o desprezo polo que non é nin pensa coma min,
a avaricia, o afán desmedido de posuír e consumir,
o machismo, o dominio, o querer estar sempre por riba,
a indiferenza polos abusos que sofren tantas persoas débiles,
o clasificar a xente, condenala, non lle dar oportunidades,
a lingua lixeira para criticar e preguiceira para alentar,
… e moito máis.
Grazas, Xesús, polo que me aprendes.
Estarei en vela.
Intentemos ver en nós algunha cousa boa pola que nos sentir ben agradecidas. Pero intentemos ver tamén en nós algo dese mundo malo, co que contribuímos a afear a nosa convivencia no mundo.
5 de xuño Xoves da 7ª semana de Pascua
1ª lectura: 22, 30; 23. 6-11
Salmo: 15, 1-2a e 5. 7-8. 9-10. 11
Evanxeo: Xn 16, 16-20
Naquel tempo Xesús, erguendo os ollos cara ao ceo, orou dicindo:
–E non che rogo só por estes, senón tamén polos que han crer en min pola palabra deles; que todos sexan un, como ti, Pai, en min, e eu en ti, que tamén eles sexan un en nós, para que o mundo crea que ti me mandaches. E a gloria que ti me deches déillela a eles, para que sexan un como nós somos un. Eu neles e ti en min, para que cheguen á perfecta unidade, de xeito que o mundo recoñeza que ti me mandaches e que os amaches a eles, como me amaches a min.
Pai, eu quero que os que me deches estean tamén comigo onde eu estou, para que contemplen a miña gloria, a que ti me concediches, porque me amabas xa antes da fundación do mundo. Pai xusto, o mundo non te coñeceu, pero eu coñecinte e estes coñeceron que ti me mandaches. Eu manifesteilles o teu nome e seguiréillelo manifestando, para que o amor co que me amaches estea neles e tamén eu estea neles.
Meditación
A chamada final de Xesús é unha chamada á unidade. Unha unidade nutrida, sostida polo amor, pola solidariedade. Unha unidade que respecte as diferenzas de xeitos de ser e de pensar, de culturas, de sexo, de linguas, mesmo de credos. Deus é moito máis que os mellores intentos de calquera relixión. O que máis manifesta a Deus é a unidade, a aperta, a comuñón, o compartir, a consideración, a compaixón, a compenetración, o común. E curiosamente iso mesmo é o que mellor nos vai e nos expresa aos seres humanos, por moito que moitas veces nos rebelemos contra esas cousas e fagamos as contrarias. O cal, por certo, sempre nos acaba traendo moitas amarguras. Na unidade respectuosa coa diferenza está a maior gloria de Deus. Na unidade respectuosa coa diferenza esta a maior gloria da xente.
Quizais porque descoñecemos moito a este Deus que clama pola unidade na diferenza, quizais porque quen dicimos crer nun Deus así pouco o testemuñamos coa nosa vida, quizais porque a chamada da unión é unha chamada fonda e esixente, quizais por todo iso teñamos que afirmar con Xesús: “o mundo non te coñeceu”; pero quizais por todo iso tamén debamos dicir tamén con Xesús: “eu manifesteilles o teu nome e seguiréillelo manifestando”.
Que todos, todas sexamos un, unha.
atopando o noso oco nesa unidade total
que es ti, Pai, Nai nosa.
Que todos, todas, sexamos un, unha
na realidade da vida cotiá,
sen diferenzas agraviantes,
compenetrándonos sempre,
agradecéndonos sempre.
Que todos, todas sexamos un, unha
tamén na Igrexa
en todas as súas áreas e funcións.
Se o mundo está ferido pola diferenza,
pola discriminación, polo abuso,
pola prepotencia de tantas cores,
que saibamos curalo
a base de respectos e igualdades,
de reconciliacións e apertas.
Miremos ata que punto na nosa vida cotiá, no noso espazo laboral, en calquera área da nosa vida, somos persoas de unidade ou persoas de discriminación. Seguro que poderemos cambiar comportamentos e esixir que outros os cambien tamén.
6 de xuño: Venres da 7ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 25, 13b-21
Salmo: 102. 1-2. 11-12. 19-20ab
Evanxeo: Xn 21, 15-19
Cando Xesús se apareceu aos seus discípulos, despois de comer preguntoulle a Simón Pedro:
–Simón de Xoán, ¿ámasme máis ca estes?
El contestoulle:
–Si, Señor, ti sabes que te quero.
Xesús díxolle:
–Apacenta os meus años.
E de novo preguntoulle por segunda vez:
–Simón de Xoán, ámasme?
El respondeulle:
–Si, señor, ti sabes que te quero.
Xesús díxolle:
–Apacenta as miñas ovellas.
E preguntoulle por terceira vez:
–Simón de Xoán, quéresme?
Entristeceuse Pedro de que lle preguntase por terceira vez “quéresme?”, e respondeulle:
–Señor, ti sabelo todo, ti ben sabes que te quero.
Xesús díxolle:
–Apacenta as miñas ovellas. Con toda verdade cho aseguro: cando eras novo, vestíaste ti e ías onde querías; cando te fagas vello, estenderas as túas mans e vestirate outro e levarate onde non queres.
Dixo isto para significar con que clase de morte había de dar gloria a Deus. E despois engadiu:
–Sígueme.
Meditación
Pedro tivo que facer un recorrido persoal na súa relación con Xesús: desde o seguimento rápido do primeiro momento, pasando polos momentos nos que non entendía a proposta de Xesús de vivir servindo ata a morte, se fixese falla; pasando tamén pola tiple negación cando unha criada o puxo entre a espada e a parede; e así ata este momento último no que manifesta a súa vinculación fonda con Xesús, en ideas, proxectos e afectos. Así estaba el capacitado para acompañar o camiño de fe das persoas que querían seguir tamén a Xesús en comunidade, en Igrexa.
O camiño de Pedro pódenos levar a preguntarnos polo noso propio camiño en relación con Xesús. ¿En que momento nos atopamos? ¿No momento de decidirnos a seguilo, no momento de disentir da súa estratexia servidora a favor da comunidade, no momento de renegar del coa palabra ou cos feitos, no momento de sentirnos fondamente atraíd@s por el ata vincularnos a el con todo o corazón, con toda a mente, con todo o noso ser? ¿Qué lugar ocupa Xesús nas nosas vidas?
Señor, ti sabes que te quero.
Ti sabes que, polo menos, quero quererte.
Cos meus quereres brandos, seguro,
pero sabes que te quero.
Cos meus quereres necesitados de maduración e avance,
pero sabes que te quero.
Cos meus quereres tramposos tantas veces,
porque esquezo que quererte é querer tamén a xente,
a xente máis tirada, ou a máis empoleirada,
a que máis custa querer,
pero ti sabes que te quero.
Cos meus quereres enganosos,
que agachan no fondo moito mirar por min,
pero ti sabes que te quero.
Sabes que te quero,
e gustaríame que me chamases para seguirte
e facer de min un servidor/a da comunidade cristiá, do pobo.
Podemos preguntarnos como estamos colaborando á vida da nosa comunidade cristiá coas nosas particulares habilidades, para que faga ben o labor de amosarlle á sociedade a forza liberadora de Xesús.
7 de xuño: Sábado da 7ª semana de Pascua
1ª lectura: Feit 28, 16-20. 30-31
Salmo: 10, 4. 5 e 7
Evanxeo:Xn 21, 20-25
Naquel tempo Pedro volveuse e viu que o seguía o discípulo a quen amaba Xesús, o que se recostara no seu peito na cea e lle preguntara: “Señor, ¿quen é o que te ha entregar?”. Ao velo, preguntoulle Pedro a Xesús:
–E este, que?
Xesús contestoulle:
–Se quero que permaneza ata que eu veña, ¿a ti que che importa? Ti sígueme.
Espallouse entón entre os irmáns a voz de que o discípulo aquel non morrería. Pero non dixera Xesús que non había de morrer, senón: “se quero que permaneza ata que eu veña, ¿a ti que che importa?”
Este é o discípulo que dá testemuño destas cousas e o que as escribiu, e sabemos que o seu testemuño é verdadeiro. Hai aínda moitas máis cousas que fixo Xesús que, de escribilas unha por unha, coido que o propio mundo non podería conter os libros que se habían escribir.
Meditación
Pedro e Xoán, personalidades distintas, funcións distintas na primeira comunidade cristiá. Da orixinalidade de cada un deles, da súa maneira particular de ver, tratar e seguir a Xesús beneficiáronse as persoas contemporáneas deles e beneficiámonos nós tamén. O evanxeo de Xoán, do que hoxe lemos o seu final, foi unha das grandes achegas ao cristianismo dese seguidor de Xesús sensible, fiel, amante, que quixo entrar a fondo no mundo de Xesús ao longo da súa longa vida.
Tamén cada un, cada unha de nós temos a nosa particular historia de fe, de amor, de seguimento con Xesús. Somos únicas no mundo. Nin houbo nin haberá ninguén coma calquera de nós. Temos un oco especial no ser, no pensamento, no corazón de Deus e do seu Cristo. Cada un, cada unha de nós estamos chamados a un desenvolvemento persoal auténtico, fiel ao noso ser particular, fiel a esas raíces fondas que nos enganchan con Deus, fiel ao momento histórico que nos toca vivir, co noso traballo, coas nosas familias, cos nosos pobos, coas nosas comunidades cristiás. No marco desa singularidade propia, no noso corazón inigualable resoa a chamada de Xesús: Ti sígueme. E con el tócanos ir construíndo a nosa vida. Oxalá que de forma satisfactoria.
Grazas, Xesús, por todas as persoas
que coa súa fe foron sostendo a nosa;
as que co seu seguimento
facilitaron que nós te seguiramos tamén.
Tantas mulleres, tantos homes ao longo de séculos
que foron tecendo a fermosa manta multicolor das comunidades cristiás.
Grazas sobre todo, Xesús,
polas persoas que uniron a súa sorte á túa,
e amaron e serviron ata o martirio incluso,
onte e hoxe.
Grazas por cada historia particular,
entre elas a de cada un, cada unha de nós,
que ti ben coñeces e na que te implicas sempre a fondo.
Grazas por formar parte
desta longa ringleira de persoas chamadas, amantes e seguidoras.
Acción
É frecuente ver que hoxe, véspera de Pentecoste, se celebren vixilias de oración para dispoñerse a recibir o don do Espírito. Pódenos vir ben participar nalgunha delas para reavivar o noso seguimento de Xesús.