Pedir ou non pedir…esa é a cuestión

Pedir polo papa

Por Andrés Torres Queiruga

Artigo publicado na Voz de Galicia o 21 de febreiro 2025

Confeso que me sinto moi incómodo cada vez que leo nos xornais ou escoito na televisión a chamada a pedir polo papa. Ou pola unidade das Igrexas, polo cesamento da fame en África, pola fin dos masacres en Palestina, pola paz en Ucraína… Obviamente, o que me estraña non é que se pidan oracións. Os problemas preocúpannos a todos, como persoas que non queremos renunciar á nosa humanidade. Por suposto, tamén aos que, homes ou mulleres, nos sentimos e queremos vivir como persoas cristiás. E certamente non podemos deixar de pensar en Deus á vista de todo iso. Nel e na súa presenza cremos como centro da nosa vida e criterio último da nosa conduta.

 

Orar é, pois, normal. Pensar en Deus e entrar de maneira consciente nesa relación, tan difícil e misteriosa coma normal e espontánea, que é a oración. Sen ela non é posible a fe, como non é posible que sen auga dea froito unha leira, segundo dixera a santa de Ávila. O problema non está en orar. O problema está en como orar.

 

Os titulares da prensa e as chamadas dos pastores parecen deixalo claro: orar sería, ou sería case sempre, pedir. E a pregunta nace por si mesma: pedir que ou para que. Para que Deus cure o papa ou acabe coa guerra? É preciso informalo do que está pasando ou convencelo de que actúe e poña remedio? Pero o mestre de Nazaré, na única ocasión en que falou de maneira expresamente crítica acerca deste tema nos Evanxeos, foi claro e explícito: «Cando vos poñades a rezar, non sexades lingoreteiros coma os pagáns. Botan de conta que os van escoitar polo moito falar. Non sexades coma eles, porque voso Pai ben sabe o que precisades xa antes de que llo pidades» (Mt 6,7-8).

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?