Presentación do libro Breviario breve da devoción popular

martes, 9 de abril, ás 19 horas, presentamos no Auditorio do Museo o libro Breviario breve da devoción popular, dBaldomero Iglesias, “Mero”. Unha obra editada polo Museo do Pobo Galego dentro da Colección Manuais e co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O libro, onde o autor recolle diferentes xeitos populares de oracións, rezos e outras formas de expresión, é froito dun traballo de moitos anos de andar polas aldeas galegas escoitando a xente para interesarse polo que dicían, cantaban ou contaban e tamén por como o dicían, cantaban e contaban. Un traballo etnográfico que agora se mostra para unha interpretación desde o presente. Documentos que falan dun xeito entender e estar no mundo, que formaban parte dunha cosmovisión dentro dun sistema cultural propio. Mais ese xeito de entender e estar no mundo estaba mudando por mor dos cambios sociais e económicos que a sociedade estaba experimentando na segunda metade do século XX. Cambios que poden valer para avanzar, mais tamén para desmontar o anterior, rompendo o sistema de transmisión. Por iso, a recolla é un xeito de recuperar e salvagardar unha información, pero tamén un xeito de dignificar a xente que así se expresaba, a súa cultura, o seu xeito de entender o mundo e, como non, a súa lingua.

Acompañarán ao autor na presentación: Rubén Aramburo Molet, Manuel Vilar, director do Museo do Pobo Galego; e Concha Losada, presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego. 

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?