Este libro é unha recompilación de artigos que a autora, Engracia Vidal Estévez, secretaria e fundadora da revista Encrucillada, foi publicando ao longo de máis de vinte anos, pero que lidos no inicio do século XXI soan plenamente actuais. O libro abrirá canles de reflexión para as mulleres interesadas en facer escoitar a súa voz no seo da Igrexa. A estrutura da obra é peculiar. Cada un dos artigos orixinais publicados no seu momento en xornais como La Voz de Galicia e revistas como Encrucillada, Irimia ou Terra e tempo van acompañados por un comentario, que ademais de situar cada un deles no seu contexto histórico, permite á autora matizar as súas ideas anteriores, facer balance desde a perpectiva actual e, non menos importante, pintar unha panorámica bastante detallada e completa das achegas que a reflexión feminista fixo en Galicia, tanto no pensamento como na literatura. Nos cinco artigos recollidos encontraremos estudos xerais sobre a discriminación da muller na Igrexa e a relación entre feminismo e Igrexa, e outros máis específicos en torno á muller na Igrexa galega ou a muller no novo Catecismo. O libro conclúe cun artigo inédito escrito para a ocasión que dá título ao libro onde, ademais de introducirnos na Teoloxía feminista, reflexiona sobre o papel da acción feminista na renovación da Igrexa.