10 de setembro: Domingo 23 do tempo ordinario.
1ª lectura: Ez 33, 7-9. Salmo: 94, 1-2. 6-7. 8-9.
2ª lectura: Rom 13, 8-10.
Evanxeo: Mt 18, 15-20
Unha vez díxolles Xesús aos seus discípulos:
—“Se teu irmán peca contra ti, vai e repréndeo, pero ti con el só. Se te escoita, lograches o teu irmán. Se non te escoita, leva contigo aínda un só ou dous, de modo que pola palabra de dúas ou tres testemuñas todo o asunto quede resolto. Se tampouco a eles lles fai caso, dillo á comunidade; e se nin sequera á comunidade lle fai caso, sexa para ti coma un pagán ou un publicano.
Dígovolo de verdade: O que atedes na terra, será atado no ceo, e o que desatedes na terra, será desatado no ceo.
Dígovos aínda máis: Se dous de vós se poñen de acordo na terra para pedir calquera cousa, conseguirano do Pai meu, que está nos ceos. Porque onde están dous ou tres reunidos no meu nome, alí no medio deles estou eu.”
Meditación
É normal que desde as persoas e comunidades cristiás esteamos atentas ao que pasa ao redor noso. O mundo dános gozos e alegrías, dános pesares e traballos. Pero queremos estar aí, no corazón do mundo, porque ese é o noso lugar, ese é o lugar no que Xesús quixo estar e ese é o lugar no que é normal que queiramos estar tamén as persoas que nos dicimos algo seguidoras del.
Pero tamén é normal que vivamos atentas ao que pasa nas nosas comunidades, nas nosas parroquias, das que formamos parte, e que van sendo para nós o pequeno espazo onde experimentamos que as cousas de Xesús se poden vivir; onde podemos ir creando pouco a pouco eses grupos alternativos, esa comunidade alternativa, esa sociedade alternativa na que soñamos ao amparo do Espírito de Deus. E a iso nos invita o Evanxeo de hoxe. Forma parte dun capítulo do evanxeo de Mateu, o 18, que propón unha serie de cousas básicas sobre as que se debería organizar e mover unha comunidade cristiá, unha parroquia: a xente máis importante é a máis pequena, que deben ser mimada e sabiamente acompañada; as persoas pecadoras, se as hai –que as haberá—, deberían ser especialmente acompañadas; partindo de que o perdón debe ser amplo e desmedido, sinala tamén un procedemento concreto, para que o perdón sexa efectivo e leve a que as persoas superen os seus pecados, as súas debilidades e poidan medrar na súa fidelidade a Deus e á vida, á xente, ao mundo.
O evanxeo de hoxe cóntanos resumidamente como ha ser este procedemento para enfrontarse positivamente co mal que na comunidade, na parroquia, unhas persoas lle poidan causar a outras. Paga a pena deterse nos pasos que vai propoñendo e comparalos cos pasos que con frecuencia damos, cando vemos algunha persoa que fai o mal, que nos fai mal. Punto de partida: A persoa que me fixo o mal é un irmán meu, unha irmá miña, e como tal se debe ollar. Situarse nesta clave de proximidade, de agarimo, de afecto sentido é imprescindible para axudar a unha persoa que nos faltou. Como é irmán ou irmá, dóeme a súa situación, e, porque me doe, propóñome facer o que vou facer. Paso primeiro: falar a soas con esa persoa e poñerlle diante o mal que fixo, para que poida pensar e cambiar. Se fai caso, estupendo, temos recuperado a ese irmán ou irmá. E senón, Paso segundo: na presenza de unha, dúas ou tres persoas fálolle do caso, para que co aval desas persoas lle sexa máis doado caer na conta do mal que fixo. Pero, se nin así fai caso, daquela Paso terceiro: fálase a cousa na reunión da comunidade ou parroquia, para que alí se resolva. E, por último, se nin así se resolve, daquela, Paso cuarto, ese irmán deberá pensar que pinta na comunidade, e todos, todas, deberíamos tratalo como Xesús trataba aos pagáns e pecadores: con inmenso achegamento e predilección, porque son os enfermos e non os sans os que precisan médico.
Seguro que nos vemos moi lonxe de poder practicar isto nas nosas comunidades e parroquias. A mesma Igrexa, ao longo dos séculos, foi presentando outras formas de superar o mal, cando este se facía presente na vida da comunidade, e chegamos a isto das confesións que tampouco non nos gusta demasiado á maioría da xente, e que por iso non a practicamos case nada. Cal é frecuentemente o proceso que seguimos ante o pecado, o mal que fai, que nos fai, algunha persoa da comunidade, da parroquia? Moitas veces os pasos que nós seguimos son os seguintes: Punto de partida: non vexo a persoa que me fixo o mal coma un irmán ou irmá, senón como a alguén estraño polo que sinto rabia e cabreo, e, por iso, Paso primeiro: permítome entebrecer o meu corazón con sentimentos de rabia, de rexeite, de odio cara a esa persoa. Paso segundo: falo o caso, criticándoo, con alguén próximo a min, á espera de que se asocie á miña crítica e rabia contra a tal persoa; cousa que nada lle axuda, claro. Paso terceiro: non faltará a oportunidade de que, nun grupo máis grande, facendo calquera labor, comente a cousa en clima de crítica e mesmo de rabia, risa e burla; así o lume do mal non se apaga, esténdese, e o irmán ou irmán será menos irmán ou irmá para máis xente. Paso cuarto: arredámonos desa persoa, apartámola da nosa vida, non lle damos a oportunidade de poder recapacitar, morre para nós coma irmán ou irmá, deixamos de ser para el o médico que lle aporta a cura necesaria. Que vida nova, que sociedade nova se constrúe así?
Quizabes todo isto nos parezan parvadas nos tempos que vivimos. Quen son eu para meterme na vida do meu veciño ou veciña? Ben me chega, en todo caso, con facer algo polo home ou muller, fillo ou filla que teño na casa! Pero é realmente unha parvada preocuparme polo mal que me fan a min, que nos podemos facer entre nós, que danan a comunidade, que amolan a parroquia? Non será que permitimos moito o mal, en nós e fóra de nós, sen decatarnos de que é unha fonte de malestar e de apagamento para as persoas e para as comunidades e parroquias? Non será que nos doe pouco a xente, o seu avance, as súas medras, e que nos doe tamén pouco a marcha da comunidade, a marcha da parroquia? Se esta proposta de reconciliación creada polas primeiras comunidades cristiás non nos gusta, por que non nos preocupamos para buscar outras, que de verdade nos axuden a vivir coma irmáns e irmás, sen consentir co mal que nos pode afogar e que pode acabar co ben que unha comunidade, unha parroquia pode facer cara a fóra?
A celebración eucarística empeza sempre cun acto de reconciliación, porque unha comunidade non reconciliada non pode celebrar ben a Misa. Pero, a que temos reducido ese acto de reconciliación inicial? Non é unha rutina moitas veces? E sobre de rutinas nunca se fai nada proveitoso.
Preces
UNIDOS/AS EN COMUNIDADE,
PRESENTÁMOCHE, PAI, A NOSA ORACIÓN.
Polas persoas que nos teñen faltado coa súa palabra ou cos seus feitos, para que coa nosa axuda poidan recapacitar e cambiar. Oremos.
Por nós mesmos, para que abramos os ollos e os corazóns, e así poidamos ver o mal que facemos e saibamos pedir perdón e reconciliarnos de verdade cos veciños e veciñas. Oremos.
Para facernos fortes ante toda clase de mal, sabendo que o mal sempre dana as persoas, mata alegrías, quita alentos, e nos fai apoucados/as para a vida. Oremos.
Para coidar ben as nosas comunidades e parroquias, e facelas espazos de fraternidade, onde as queixas se falen con franqueza para poder gozar vendo como se resolven positivamente os conflitos que haxa. Oremos.
Para non criticar e murmurar contra ninguén, con covardía, senón, ao revés, con humilde valentía, aprender a dicir as cousas á cara con vontade de axuda e perdón. Oremos.
Oración
Señor, Señor,
o regalo da comunidade,
que non nos falte nunca o regalo da comunidade!
Que o saibamos recibir de ti con agradecemento,
que o saibamos coidar con esmero.
O regalo da comunidade,
o Espírito da comunidade,
que nos deixemos levar por el
en todo canto facemos e dicimos.
Coidarse coma irmáns e irmáns,
gozarse coma irmáns e irmáns,
escoitarse coma irmáns e irmás,
regalarse coma irmáns e irmás.
Non deixemos que ninguén nos roube o regalo da comunidade,
nin a preguiza para a colaboración,
nin os resentimentos polas ofensas recibidas,
nin os desalentos porque a cousa costa,
nin a chulería de quen pretenda selo todo, facelo todo,
por moito que sexa crego ou frade.
Doerse coma irmáns e irmáns,
chorarse coma irmáns e irmás,
consolarse coma irmáns e irmás,
abrazarse coma irmáns e irmás.
Todo coa comunidade, para a comunidade,
nada sen a comunidade, nunca, de ningunha maneira,
E no medio e medio da comunidade,
a xente máis débil, máis frouxa, máis pecadora, máis desprezada,
coma o remol ao redor do cal
vigorizar a nosa irmandade,
darlle traza, luz e contido.
Señor, Señor,
o regalo da comunidade,
que non nos falte nunca o regalo da comunidade!
Acción
Estamos no momento presente ante a situación de que un veciño ou veciña nos ten faltado en algo? Fixemos algo ante iso? Pensamos facer algo? O que fixemos ou pensamos facer aproxímase, algo polo menos, á proposta que nos fai Xesús?
11 de setembro: Luns da 23ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Col 1, 24—2,3. Salmo: 61, 6-7. 9
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 5, 1-8. Salmo: 5, 5-6. 7. 12
Evanxeo: Lc 6, 6-11
Un sábado entrou Xesús na sinagoga a ensinar. Había alí un home que tiña impedida a man dereita. Os letrados e máis os fariseos estaban ao axexo, a ver se ousaba curalo en sábado, para o poderen acusar. Pero el, coñecendo os seus pensamentos, díxolle ao home que tiña a man tolleita:
—Érguete e ponte no medio.
El ergueuse e púxose no medio. Entón Xesús díxolles:
—Fágovos unha pregunta: ¿Qué está permitido no sábado: facer o ben ou o mal, salvar unha vida ou deixar que se perda?
E, ollando a todas as persoas que o rodeaban, díxolle ao home:
—Estende a túa man.
El fíxoo e a man quedoulle curada. Pero eles, todo enrabechados, discutían entre si o que poderían facer con Xesús.
Meditación
Claro que Xesús podería dicirlle ao home aquel: vémonos mañá e a ver o que podo facer, hoxe non, que é sábado. Pero Xesús neste caso, coma noutros moitos, é provocador, para que quede máis en claro aquilo que el consideraba un error: nas prácticas relixiosas do seu tempo era máis importante o requisito da lei que a saúde, o benestar da xente; e Xesús tiña moi claro que tiña que ser ao revés: o ben, a dignidade, o respecto da xente por riba de todo. Nisto xogábase algo que era esencial no pensamento e práctica relixiosa que o Espírito de Deus alimentaba diariamente nel. ¿É así de claro tamén o noso pensamento e a nosa práctica relixiosa?
É curiosa a actitude pechada dos letrados e fariseos ante quen lles poñía diante un error evidente. Pero non é cousa que só a eles lles pasase. É frecuente que reaccionemos así, cando nos deixamos levar por prexuízos, por ideoloxías establecidas en nós, por sentimentos. É unha mágoa, porque esta actitude impídenos avanzar, mellorar, como persoas e como comunidade cristiá.
Oración
A xente,
a xente é o que importa,
por riba de todo,
por riba de calquera lei civil ou relixiosa.
A xente,
esa persoa descoñecida que se cruza contigo,
esa traballadora de hotel que demanda melloras,
ese velliño ou velliña que morre de soidades cada día e cada noite,
ese mozo ou moza que intenta abrir camiño na vida,
esas persoas refuxiadas deixadas na man de Deus,
ese neno ou nena violada por un clérigo,
ti mesma, eu mesmo.
Non hai relixión máis santa e máis perfecta,
non hai relixión que máis honre a Deus,
e máis nos complete como persoas
que tratar a xente con humanidade.
Simplemente.
Así de claro.
(Dínolo Xesús como irmán maior e mestre.)
Acción
Nós pasamos bastante das leis relixiosas. Aínda así, cando pretendemos cumprir algo coa nosa vida cristiá, ¿poñemos en primeiro lugar a atención á xente que nos rodea, sobre todo se é xente vulnerable por calquera razón? Podémolo revisar e cambiar, se é do caso.
12 de setembro: Martes da 23ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Cor 2, 6-15. Salmo: 144, 1-2. 8-9. 10-11
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor, 6, 1-11. Salmo: 149, 1-2. 3-4. 5-6a e 9b
Evanxeo: Lc 6, 12-19
Unha vez Xesús foi orar ao monte e pasou a noite orando a Deus. Cando se fixo de día, chamou a xente que o acompañaba e escolleu doce, aos que nomeou apóstolos: Simón, a quen lle deu o nome de Pedro, e Andrés seu irmán; Santiago, Xoán, Felipe, Bartolomeu, Mateu, Tomé, Santiago o de Alfeo, Simón chamado o Zelota, Xudas o de Santiago e Xudas Iscariote, que logo sería o traidor.
Despois baixou con eles e detívose nunha chaeira cun bo grupo de persoas que o acompañaban e numerosa xente de toda Xudea, de Xerusalén e máis de toda a ribeira de Tiro e Sidón, que viñan escoitalo e a que os curase das súas doenzas. As persoas atormentadas por espíritos inmundos quedaban curadas e toda a xente intentaba tocalo, pois del saía unha forza que curaba a todo o mundo.
Meditación
Xesús entendeu que debía compartir con outras persoas a tarefa do anuncio da boa nova de Deus, consistente en alentar coa palabra e cos feitos de curación, de reinserción social e relixiosa, cara a unha vida fraterna. Escolleu un grupo de homes, ao que sabemos que tamén se uniu un bo grupo de mulleres. Da nada, de seren uns homes e mulleres normais, fixo persoas implicadas a fondo. Curiosamente Xesús pasou a noite anterior orando a Deus, como para que a súa chamada puidese ter forza abonda de atracción e de encantamento.
Na Igrexa de hoxe sentimos unha aguda necesidade da implicación da xente normal, o laicado, nas variadas tarefas da comunidade cristiá. Os clérigos din que custa moito que o laicado se implique. Pode ser. Pero ¿pasan eles noites en oración para atraer e implicar a homes e mulleres do común? ¿Enchen de afecto e paixón a súa palabra para mobilizarnos? E, se non o fan, ¿temos que agardar a que sexan os clérigos os que nos mobilicen? ¿Xesús mesmo non é quen de tocarnos o corazón, espelirnos e converternos en persoas asentadas nel para o ben propio e o alleo?
Oración
“Foi orar ao monte
e pasou a noite orando a Deus”.
¿Como orarías, Xesús?
¿Cómo lle falarías ao teu Deus querido?
¿Cómo abrirías ante el o teu corazón?
¿Cómo poñerías nas súas mans
os mesmos soños que el espertara en ti?
¿Cómo deixarías que todo o teu ser
se enchoupase de Deus e do seu Espírito?
Tíñalo moi claro, Xesús:
rezábaslle ao teu Pai no segredo,
confiado en que quen ve o segredo te había recompensar;
rezábaslle ao teu Pai con poucas palabras,
porque sabe o Pai o que precisamos antes de llo pedir.
O teu orar, Xesús,
sería simplemente estar e amar,
estar e confiar,
estar e ofrecerse.
Así, Xesús, ensínasnos a orar.
Grazas, Xesús.
Acción
Podemos reparar en que lugar ocupa a oración na nosa vida cristiá. E tamén en como oramos. ¿Por comenencia, intentando convencer a Deus, con moitas palabras, ou con confianza, no silencio amoroso, con dispoñibilidade? Podemos reparar tamén en que implicación temos nas variadas tarefas da comunidade cristiá parroquial? Seguro que poderemos mellorar en calquera dos dous campos.
13 de setembro: Mércores da 23ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Col 3, 1-11. Salmo: 144, 2-3. 10-11. 12-13ab
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 7, 25-31. Salmo: 44, 11-12. 14-15. 16-17
Evanxeo: Lc 6, 20-26
Nunha ocasión, Xesús coa ollada posta na xente que o acompañaba, dixo:
—Ditosa a xente pobre,
porque voso é o reino de Deus.
Ditosas as persoas que agora pasades fame,
porque Deus vos ha fartar.
Ditosas as que agora chorades,
porque riredes.
Ditosas todas e todos vós, cando a xente vos aborreza,
vos expulse e vos aldraxe,
cando poñan nas listas negras o voso nome
por causa do Fillo do Home;
alegrádevos nese día brincando de gozo,
porque a vosa recompensa no ceo será grande,
pois o mesmo fixeron os vosos ascendentes cos profetas.
Pero, aí de vós, a xente rica,
porque xa acadastes a vosa recompensa!
Ai de vós, as persoas que agora estades fartas,
xa pasaredes fame!
Ai de vós, as que agora rides,
xa choraredes e xa laiaredes!
Ai, cando todo o mundo fale ben de vós,
O mesmo fixeron os vosos ascendentes cos falsos profetas!
Meditación
Estamos ante as benaventuranzas do evanxelista Lucas. Soamente pon catro benaventuranzas ou felicidades (pobreza, fame, choros e rexeite social), completadas polas súas correspondentes “malaventuranzas” (riqueza, fartura, risas e aceptación social). Custa aceptar esta proposta de Xesús. Non é doado entendela. Ben sabemos que a proposta de Xesús non é reducirnos a ser un grupo humano empobrecido, famento, triste e rexeitado. Todo ao contrario. Xesús con estas palabras ponse do lado da xente que tal cousas padece, implicándose nun proceso de cambio que leve a unhas vidas dignas para todo o mundo. Deus está do lado desa xente, Xesús tamén o está e invítanos á confianza activa se somos desa xente, e á implicación se non o somos, pero nos doemos da súa situación.
A “malaventuranza” ou desgraza da xente rica, farta, riseira e ben vista socialmente débese, parece, á súa indiferenza cara ao grupo anterior, e posiblemente a seren en parte causantes da súa situación. Xesús soñaba sempre un soño de irmandade, no que non collía a abundancia dunhas persoas montada sobre a carencia doutras. Algo que segue pasando, e moito, na sociedade actual.
Oración
Queremos entenderte, Xesús,
porque nos fiamos de ti,
da limpeza e fondura das túas palabras,
da coherencia absoluta dos teus comportamentos.
Queremos entender as túas benaventuranzas
e apegarnos a elas de todo corazón.
Queremos entender tamén as túas “malaventuranzas”
e fuxir delas coma do demo.
Fuxir da riqueza, da fartura, da risa insolidaria,
por moito que teñan o aplauso social.
Arrimarnos solidariamente á pobreza, á fame, ás bágoas,
por moito que socialmente sexa mal visto.
E, se as sufrimos,
loitar, confiar, esperar,
porque o teu Deus está do noso lado.
Coma ti, Xesús,
sempre coma ti.
Acción
¿Cómo nos situamos na vida ante a riqueza e a pobreza, ante a fame e a fartura, ante as risas e as bágoas? ¿Qué sentimentos nos dominan? ¿En que accións nos implicamos? ¿Estamos ante todo isto co espírito de Xesús?
14 de setembro: Festa da Exaltación da Santa Cruz
1ª lectura: Núm 21, 4b-9. Salmo 77, 1-2. 34-35. 36-37. 38
Evanxeo: Xn 3, 13-17
Nunha ocasión díxolle Xesús a Nicodemo:
—Ninguén subiu ao ceo, fóra do que baixou do ceo, o Fillo do Home. Como Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna. Non mandou Deus o Fillo ao mundo para que xulgue o mundo, senón para que o mundo se salve por el.
Meditación
As cruces non son, non deberían ser, un simple adorno nos nosos peitos, sobre do noso leito, nos nosos camiños e prazas, nos nosos centros de estudo, nas nosas igrexas e outeiros. En ningunha parte. A cruz é un recordatorio, unha memoria. Un recordatorio e unha memoria por unha parte doloroso, por outra parte feliz, esperanzador. Doloroso porque recorda a agresividade dos poderes relixiosos e civís que se cebaron naquel home xusto, humanísimo, que pasou pola vida facendo o ben, porque estaba cheo do Espírito de Deus; doloroso tamén porque recorda a tanta xente que de mil maneiras sofre na vida, sobre todo a que sofre pola ruindade doutras persoas; e sabemos que isto pasa, e moito.
É un recordatorio feliz, esperanzador, porque na cruz asumida desde o amor e desde o servizo o fillo de Deus Xesús rompeu as forzas do mal que aparentemente acabaran con el, e converteuse no camiño para o seu triunfo, para a súa gloria. A cruz fálanos do moito amor que Deus nos ten, da súa fonda paixón por nós, manifestada no Cristo que nela morreu por manterse firme na súa fidelidade a Deus e a nós.
Desde aí é difícil entender a trivialidade coa que tratamos a cruz as mesmas persoas cristiás; pero tamén é difícil entender o noxo ante a cruz de persoas e grupos humanos que parecen querer rebelarse contra calquera forma de dominio e explotación da xente. ¿Quizais porque a xente cristiá, a Igrexa, lle quitamos á cruz a súa verdade histórica de solidariedade coa xente marxinal, de enfrontamento ao poder abusón?
Oración
Adorámoste, oh cruz!,
o memorial de Xesús.
Sinal de empeño no amor,
proba do gran Servidor.
Quen nela por nós morreu
ante o abuso non cedeu.
Sufriu, berrou e rezou:
cheo de amor se entregou.
A cruz, rebelde paixón
que reborda o corazón.
Fervente facho de gloria
que enche de luz a historia.
No desespero, esperanza
de quen baila amarga danza.
Camiño recio do pobo
que en Deus soña tempos novos.
A cruz dos grandes momentos,
a cruz dos pequenos tempos.
Por min tanta dor e amor,
tamén polo mundo enteiro,
na cruz do noso Señor.
Adorámoste, oh cruz!,
o memorial de Xesús.
Acción
Repararemos nalgunha cruz pola que estea pasando algunha xente amiga, coñecida. Reparemos tamén nalgunha cruz pola que nós esteamos pasando. ¿Podemos aprender a vivir as nosas cruces algo como Xesús a viviu? ¿Podemos botarlle unha man a quen está pasando por horas malas, por horas de cruz?
15 de setembro: Memoria de Santa María das Dores.
Evanxeo: Xn 19, 25-27
Naquela hora, ao pé da cruz de Xesús estaban súa nai e a irmá de súa nai, María a de Cleofás, e máis María a Magdalena. Xesús, vendo a súa nai e onda ela o discípulo a quen amaba, díxolle á nai:
—Muller, velaí o teu fillo.
Despois díxolle ao discípulo:
—Velaí a túa nai.
E dende aquela hora o discípulo acolleuna con el.
Meditación
María, a nai, ao pé da cruz, encaixando o momento da derrota dos soños do seu fillo. Pero alí, ao pé da cruz. Envolvendo ese momento coa tenrura da nai, coa dor da nai, coa esperanza da nai, que nunca dá por acabadas as posibilidades dun fillo, a capacidade de sobrepoñerse ás maiores adversidades. Ao pé da cruz, desbordada polos acontecementos, que poñían a proba unha vez máis a súa firme fe, coa que iniciara aquel recorrido de nai todo cheo de graza e de misterio.
María aprende en carne propia o que Xesús aprendía tan dolorosamente na súa: a resistencia do mal, do poder, ante calquera proposta que poida poñer en cuestión o seu dominio, o seu control, o seu sometemento dos corpos e dos espíritos da xente, a súa liberdade, a súa verdade. Mai e fillo unidos na mesma ilusión, na mesma amargura, na mesma fe, na mesma cruz, na mesma esperanza. E o fillo querendo que nos introduzamos nesa sociedade histórica e mística a un tempo. Que nos metamos neses espazos de silencio que encaixa o mal e o sitúa nas zonas de esperanza, para que o mal non teña a última palabra.
Cada persoa temos as nosas particulares batallas e cruces. En cada momento o conxunto da Igrexa ten tamén os seus; nesta hora concretada no ataque vergoñento ao Papa Francisco que pretende sanear a Igrexa desde o Evanxeo de Xesús.
Oración
Santa María das Dores,
nai de Xesús e nai nosa,
lévanos da túa man
polos camiños da historia.
Contigo queremos ser
de Xesús fieis seguidoras,
mulleres e homes de fe,
na cruz da presente hora.
A cruz de males e abusos
que desde dentro ou de fóra
revolven o corazón,
e estragan a vida toda.
A cruz de tantas mulleres
vivindo ou morrendo á sombra
de mans e de relacións
amargas, abusadoras.
Nas cruces da nosa vida
por nai te temos, xaora,
consolo, forza e alento
de quen sofre, de quen loita.
Con Xesús do berce á cruz,
en paciencia vigorosa,
día a día, en noite ou luz,
fidelidade amorosa.
Acción
Podemos agasallar hoxe as nosas nais, pois seguro que por nós pasaron moitos momentos de dores. Podemos falar con algunha muller, escoitar as súas particulares dores por ser tal. Podemos facer algo por apoiar a presenza da muller na igrexa en condición de igualdade.
16 de setembro: Sábado da 23 semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: 1 Tim 1, 15-17. Salmo: 112, 1-2. 3-4. 5a e 6-7
Ano 2: 1ª lectura: 1 Cor 10, 14-22. Salmo: 115, 12-13. 17-18
Evanxeo: Lc 6, 43-49
Unha vez díxolles Xesús aos seus discípulos:
—Non hai árbore boa que produza froitos ruíns, nin tampouco árbore ruín que produza froitos bos. Así, cada árbore coñécese polos seus froitos. Pois dos toxos non se collen figos, nin das silveiras se vendiman uvas. O home bo saca o ben da bondade do seu propio corazón e o home malo saca o mal da súa maldade, pois do que reborda o corazón fala a boca.
¿Por qué me chamades Señor, Señor!, e non facedes o que vos eu digo? Todo aquel que, achegándose a min, escoita as miñas palabras e as pon en práctica, vouvos dicir a quen se parece. Parécese a un home que, ao edificar unha casa, cavou fondo e puxo os alicerces sobre rocha. Cando o río desbordou, bateu a enchente contra aquela casa, pero non a puido abanear, porque estaba ben construída. Pero quen escoita as miñas palabras e non as pon en práctica é coma aquel home que edificou unha casa sobre terra, sen cimentos; ao romper contra ela a enchente, xa se derrubou e converteuse nunha grande ruína.
Meditación
¿Realmente queremos coñecernos ben a nós mesmos, o noso propio corazón, o noso íntimo máis íntimo? ¿Levamos dentro de nós a ansia por atinar co que nos pode construír coma persoas, coma crentes, ou non? Temos unha grande capacidade de burlarnos a nós mesmas, de enganarnos, de montar aparencias de cousas que non son, de simular ser moi crentes, moi devotos, moi de Xesús, moi da Igrexa, pero logo a realidade non se corresponde con esas nosas aparencias.
Non se trata de andar obsesionados pola nosa perfección, senón de que, con humildade e verdade, coñezamos o noso corazón para non diluírnos en aparencias estériles. Xesús ofrécenos un criterio de observación: ver os froitos que damos. Se a nosa vida abonda en froitos de bondade, é que o noso corazón é bo. Se abundamos en maldade, o noso corazón está envolto en escuridades. E tamén nos ofrece un criterio moi sinxelo para construírnos na verdade: escoitar a súa palabra e poñer en práctica.
Oración
Ai, o meu corazón, Xesús!
O meu íntimo,
ese fondo do meu ser
onde aniña a fonte do mal e do ben!
O meu corazón,
onde aniña o noso Deus queridiño,
alumando escuridades,
para atinar na vida
e poder facer dela un fogar de paz,
un lugar de encontro e de convite!
Ai, o meu corazón, Xesús,
que pouso confiadamente na túas mans!
Acción
¿Cómo andamos co escoitar e facer ou non facer? Se o pensamos, seguro que atopamos algunha cousa onde se nos faga máis evidente iso de escoitar e non facer, falar e quedarnos na palabra. Seguro que podemos dar algún paso na boa dirección.

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?