O Evanxeo de cada día con ollos de aldea
Manuel Regal Ledo
15 de outubro: Domingo 28 do tempo ordinario
1ª lectura: Is 25, 6-10a. Salmo: 22, 1-3a. 3b-4. 5. 6
2ª lectura: Flp 4, 12-14. 19-20.
Evanxeo: Mt 22, 1-14 (breve: Mt 22, 1-10)
Nunha ocasión Xesús púxose de novo a falarlles en parábolas aos sumos sacerdotes e aos anciáns do pobo:
—“Parécese o Reino dos Ceos a un rei que celebrou o casamento de seu fillo. Mandou os seus criados ir chamar polos convidados á voda, pero estes non querían ir.
Volveu mandar outros criados, encargándolles: ·Dicídelles aos convidados: Mirade que teño preparado o banquete, xa están mortos os becerros e mais os demais animais cebados; todo está disposto: vide á voda!”
Pero eles, sen lles faceren caso, fóronse: un ás súas leiras, outro aos seus negocios. Os demais botáronse aos criados, maltratáronos e matáronos.
Entón o rei, todo indignado, mandou os seus exércitos, que acabaron cs asasinos aqueles e prendéronlle lume á cidade. E díxolles aos criados: “A voda está preparada, pero os convidados non a merecían. Así que ide ás encrucilladas dos camiños; e a cantos atopedes, convidádeos á voda.”
Saíron aos camiños os criados e xuntaron a todos os que atoparon, bos e malos, enchéndose de convidados a sala da voda.
Meditación
Xesús, no seu momento, con esta parábola facía coma un retrato do que estaba pasando con el e cos seus primeiros seguidores que anunciaban a boa nova de Deus, o seu proxecto de vida persoal e social, e procuraban vivir de acordo con el. Nós hoxe lemos as parábolas de Xesús, e parece que quedamos coma indiferentes; posiblemente polas interpretacións que delas se nos foron dando, quitámoslle ferro, como se di vulgarmente. Pero esta parábola, coma a maioría das parábolas de Xesús, ten un punto de choque, de escándalo, co que Xesús quería sacudir as conciencias das persoas que o escoitaban e axudalos a revisar a súa visión das cousas, as súas opcións, a súa vida. O punto de escándalo está en que aquelas persoas que, en principio, eran as convidadas á voda quedan fóra, e aqueloutras que vagaban polas rúas e camiños, xente marxinal, sen mérito nin dereito ningún, enchen a sala do banquete, enchen a casa de Deus, enchen os grupos de Xesús, as comunidades cristiás, a Igrexa de Deus. Pero quen eran as persoas que estaban invitadas e quedan fóra? Curiosamente eran xente moi relixiosa, que semellaba cumprir con Deus, que estaba integrada na organización relixiosa oficial que o representaba.
Se hoxe lemos esta parábola contada por Xesús hai 2000 anos, é porque pensamos que tamén entre nós pode pasar algo semellante, que tamén a todos nós nos pode vir ben, moi ben. Pero sigamos a parábola paso a paso. Non é cousa sen importancia que a convocatoria sexa a unha voda, co que teñen as vodas de amor vivido, celebrado, compartido; co que teñen de encontro, de comunidade; co que teñen de abundancia compartida; co que teñen de festa, de celebración. As vodas recollen, concentran cousas moi fermosas da experiencia humana; por iso mesmo Xesús falaba do reinado de Deus coa comparanza dunha voda: algo fermoso, algo atraínte, algo que trae felicidade, ánimo, alento, algo que anima a vivir. Iso sería ben que fose a nosa experiencia relixiosa persoal e comunitaria; a iso sería ben que seguísemos convidando desde as nosas comunidades cristiás. Estámolo vivindo e ofrecendo así?
Na parábola dise que o pai do noivo manda o aviso da voda unha, dúas, tres veces aos convidados á mesma, con diferentes medios e persoas. Deus vólvese tolo, por dicilo de algunha maneira, para que acudamos á voda, para que participemos na experiencia humanísima do amor, da solidariedade, do compartir, da festa da vida, e que iso sexa cousa de todo o pobo, algo do que ninguén quede excluído. Nós tamén somos das persoas invitadas por Deus. A invitación pódenos chegar de moitas maneiras e en momentos moi distintos. Pódenos vir pola man de xente de Igrexa ou pola man de calquera persoa, grupo, asociación que estea apostando polas cousas que a Deus lle pracen, que son –ben o sabemos— todo aquilo que leva en si humanidade, humanidade da densa, da que vai ao fondo das cousas, ao fondo das persoas, da que realmente sacia e sostén as vidas. Poderíamos sinalar unha, dúas voces que hoxe nos están transmitindo esta invitación de Deus?
O aviso chega aos oídos dos invitados/as, pero non fan caso e mesmo se atreven a maltratar os emisarios. A xente que, en principio, parecía especialmente sinalada para asistir á voda négase, non acepta a invitación. Entre esa xente tamén podemos estar nós. Cantas veces chega aos nosos oídos a chamada a escoitar a proposta de Xesús, a deixarnos transformar por ela, a formar comunidades ao redor de Xesús, a ser boa xente, xente xusta, fiable, cabal, a participar en movementos solidarios, a converter o noso malestar e protesta social en accións ordenadas, coordenadas, eficaces en favor da xente máis débil,… cantas veces, e non facemos caso ou case non facemos caso. E o que perdemos son sólidas experiencias de humanización que nos abren o camiño cara ao corazón de Deus. Nada menos! Estou agora mesmo, como persoa e como comunidade, negándome a escoitar e seguir algunha voz que vai na liña de Xesús? Por que? Que vou facer?
É curioso, o evanxelista Lucas, ao narrar esta parábola, non conta a escena final, na que o rei entra a mirar como van vestidos os que si entraran á voda despois de seren recollidos polas rúas e camiños. É moi posible que esta escena final fose un engadido do evanxelista Mateu, porque á súa comunidade non lle parecía moi ben a proposta liberal de Xesús de facer totalmente gratuíta a entrada ao banquete de voda: polo menos había que ir con roupa decente, polo menos había que ser xente de ben, non xente pecadora. Seguro que tamén a nós nos parece correcto este engadido de Mateu. Pero xa coñécemos ben a esplendidez de Xesús, que veu chamar preferentemente aos pecadores, a xente marxinal, a aqueles e aquelas que a vida fora deixando á beira do camiño. Eses, esas, curiosamente, foron as que ao final entraron á voda, para escándalo da xente cumpridora. Que nos quere dicir isto a nós? Pasa algo disto nos nosos tempos? Estase debatendo en Roma o tema da Familia; cando se lle quere negar o acceso á comuñón a persoas divorciadas que refán a súa vida con outra parella, que estamos facendo?, a quen queremos invitar, a quen lles queremos negar o acceso á voda, á comunidade de Xesús, ao espazo de humanidade que debera ser a comunidade cristiá? Que estamos facendo das nosas comunidades cristiás? Casas de misericordia, onde as máis afastadas, por calquera razón, teñen especialmente abertas as portas, ou castelos de marfil para os que nos consideramos bos e competentes? Podemos pensalo. Seguro que nos virá ben.
A Eucaristía de cada domingo é unha pequena e espléndida festa de vodas, á que Deus nos invita a todos, a todas, para celebrar o amor de quen amou ata o extremo, para deixarnos envolver na festa dese amor, para volver á rúa fortes en humanidade.
Preces
TODO ESTÁ DISPOSTO: VIDE Á VODA!
Que descubramos o gozo de seguirte, Xesús, de escoitar a túa voz na voz de quen nos chame a calquera forma de honradez e de solidariedade. Oremos.
Que saibamos facer da nosa comunidade cristiá un lugar de acollida, onde a xente máis débil se sinta amparada e alentada sempre. Oremos.
Que os segrares, bispos e cardeais que en Roma celebran co Papa o Sínodo sobre a Familia, saiban envolver as esixencias cristiás con espírito de misericordia. Oremos.
Que en calquera lugar onde se venere a Santa María fagamos da súa figura un lugar de perdón, de alento, de defensa, de loita ante as complexidades da vida. Oremos.
Que quen se está aproveitando do diñeiro de todos sexa xustamente xulgado; que a xustiza sexa igual para todos e que todos/as teñamos sentido social, para que a ninguén lle falte traballo, casa, ensino, atención sanitaria. Oremos.
Oración
Grazas, Xesús,por me convidares ás festas da voda,por me ofreceres a Deuscoma un regalo e unha compaña permanente,por desbloquear o acceso a elrecordándome que non son os meus méritos senón o seu dono que marca o comezo da nosa aventura.Grazas, Xesús,por me brindares a oportunidade de coñecerte e de seguirte,de poder amigar contigo,de ir descubrindo ao teu ladoo gozo e a esixencia da fraternidade real.Grazas, Xesús,por me abrires as portas da comunidade cristiá,onde podemos experimentar o gozo da unión, da comuñón,onde nos queremos e coidamos,onde velamos uns polos outros, polas outras,coma unha miúda escola de misericordia e de responsabilidadena que aprender a amar e a servir con verdade.Grazas, Xesús,porque nos sinalas a parroquia, o pobo, a vila, a cidade,como lugar de festa e de tarefa,como lugar de vodas,para que non desvariemos con fantasías relixiosase descubramos no veciño, na veciña,sobre todo se é débil, pecador, marxinal,o templo no que ti habitas,o terreo sagrado ante o que descalzarsepara mellor amar,para mellor servir,para mellor amar e servir o noso Deus.Grazas, Xesús,pola persistencia da túa chamada,polos homes e mulleresa través das cales me foi chegando na vidao murmurio da túa vozinvitando á vida,invitando á festa,invitando ao amor.Grazas, Xesús.Saberei, poderei, quererei eu respondera tanta esplendidez túa?
Acción
Que poderiamos facer para ir convertendo en algo festivo, atraínte, as nosas celebracións, os nosos encontros, o noso traballo de compartir a boa noticia de Xesús? Se o pensamos, se o falamos en grupo, seguro que atoparemos maneiras de ir dando pasos nesa dirección.
16 de outubro: Luns da 28ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 1, 1-7. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3cd-4
Ano 2: 1ª lectura: Gál 4, 22-254. 26-27. 31—5,1. Salmo: 112, 1-2. 3-4. 5a e 6-7
Evanxeo: Lc 11, 29-32
A xente xuntábase ao redor de Xesús e el púxose a dicirlles:
—Esta é unha xeración perversa; reclama un sinal, pero non se lle vai dar máis sinal có de Xonás. Pois como Xonás foi sinal para os ninivitas, así o será tamén o Fillo do home para esta xeración. A reina do Sur enfrontarase no xuízo con estes homes e fará que os condenen, porque ela veu dende o cabo do mundo para escoitar a sabedoría de Salomón; e aquí está que é máis ca Salomón. Os habitantes de Nínive enfrontaranse no xuízo con esta xeración e farán que a condenen, porque eles convertéronse ao escoitaren a predicación de Xonás, e aquí está quen é máis ca Xonás.
Meditación
Cada xeración tenos o noso aquel, as nosas grazas e as nosas desgrazas. De común podemos ter esa resistencia a entender que Deus está totalmente por nós, por cada persoa humana que vén a este mundo, e polo mundo no seu conxunto que a acolle e a pode axudar a converterse nunha persoa integrada. O medo a Deus é unha gran desgraza. Xonás, contra o seu gusto primeiro, anunciaba a disposición sempre aberta e acolledora de Deus con todo ser humano. E ese é o único e principal sinal que de Deus nos dá Xesús. Desde dentro ou desde fóra da Igrexa parece que nos reina presentar a Deus como un ser irritable, avaricioso da súa gloria, empeñado en subxugarnos, inaccesible, inhumano. Nada máis contrario ao ser de Deus, todo vida, todo benevolencia, todo inclinación servidora cara ao ser humano que somos nós.
Oración
Cantas veces, meu Deus,me vexo a min mesmo con ollos turbios!Cantas veces taménme fago o inimigo de min mesmo,inculpándome, machucándome,considerándome unha persoa indigna, desprezable!Cantas veces, meu Deus,te asocio a este triste oficio de condenación!Quen puidese ver sequeraun levísimo reflexo do teu rostro,do teu corazón,para contemplarme a min mesmocomo ti me contemplas,e curar de tanta tristura,de tanta negritude!
Acción
¿Como vemos e sentimos a Deus na nosa vida? ¿Alguén que nos espía, alguén que nos xulgará, alguén que se desentende de nós? ¿Ou alguén que abraza e se deixa abrazar, sexamos como sexamos? Sería fermoso que falásemos con alguén destas posibles maneiras de entender e vivir a Deus na nosa vida.
17 de outubro: Martes da 28ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 1, 16-25. Salmo: 18, 2-3. 4-5
Ano 2: 1ª lectura: Gál 5, 1-6. Salmo: 118, 41. 43. 44. 45. 47. 48.
Evanxeo: Lc 11, 37-41
Unha vez, cando Xesús rematou de falar, un fariseo convidouno a comer na súa casa. Entrou Xesús e púxose á mesa. Estrañoulle ao fariseo que non se lavase antes de comer, pero o Señor díxolle:
—Vós, os fariseos, limpades por fóra a copa e máis o prato, e por dentro estades ateigados de roubos e maldade. Sodes parvos! O que fixo o de fóra, ¿non fixo tamén o de dentro? Pois logo dade esmolas do que hai dentro e veredes como todas as cousas serán limpas para vós.
Meditación
Volvemos a ese choque entre Xesús e os fariseos por unha cousa pequena: lavar ou non as mans antes de comer. En principio podemos dicir que o fariseo tiña razón, como non vai ser bo lavar as mans antes de comer! Pero o que pasaba era que para eles ese rito máis que unha cuestión de hixiene era cuestión de pureza relixiosa; convertíase nun criterio moi externo para considerarse cumpridor ou non da vontade de Deus, para considerarse ou non persoa querida de Deus. Co agravante de que para a xente máis pobre e marxinal, que moitas veces vivía en lugares onde non había moita auga, por non lavaren as mans acababan sendo, para eles, xente permanentemente impura, arredada de Deus. Enténdese o cabreo de Xesús por todo isto. Invítaos a que se deixen de parvadas, que teñan máis ansia en limpar o corazón, e que, se queren vivir en pureza permanente, empecen por compartir o que acumulan na casa, moitas veces a base de prácticas inxustas.
Nós podemos ser coma o fariseo da historia. Sómolo se lle dámos importancia ao que non a ten, para agarrarnos a iso e esquecer o realmente importante, que é ter un corazón limpo e levar unha solidaria. O espírito fariseo sempre marxina; o espírito de Xesús sempre integra.
Oración
Amigo Xesús,mestre Xesús,canto me tardaacabar co fariseo que levo dentro de min,agarrado ás miñas entrañas,amosándose nos meus pensamentos,lucíndose tantas veces na miña fala!Canto me tarda, Xesús,que o teu espírito me envolva por dentro e por fóra,me somerxa na túa verdade limpa,faga de min unha humilde irmá!Canto me tarde, meu Xesús,ser amiga sempre de abrazar e non excluír,ser agradecida polo ben da xente,andar contenta por poder compartir o que son e o que teño,para que a irmandade sexa cada vez máis real.Amigo Xesús,mestre Xesús,canto me tardaser con verdadeun chisquiño coma ti.
Acción
¿Levamos connosco o espírito fariseo? ¿Gústanos andar xulgando a xente, condenando a xente? ¿Facémolo de xeito que nós sempre quedamos libres diso que condenamos, sempre quedamos por xente xusta, correcta, ecuánime etc? O fariseísmo para Xesús era un verdadeiro perigo para unha vida de fe en comunidade. Podemos mirar se en algo somos fariseos. Podemos empezar por recoñecelo e cambialo.
18 de outubro: Festa de San Lucas evanxelista
1ª lectura: 2 Tim 4, 9-17a. Salmo: 144, 10-11. 12-13ab. 17-18
Evanxeo: Lc 10, 1-9
Un día designou o Señor a outras setenta e dúas persoas, e mandounas diante del de dúas en dúas a todas as vilas e aldeas a onde tiña pensado ir. Díxolles:
—A anada é ben boa, pero hai pouco quen a traballe; así que rogádelle ao dono da colleita que mande xornaleiros e xornaleiras para a seitura. Ide e sabede que vos mando como años entre lobos. Non levedes saco, nin alforxa, nin calzado, nin vos paredes a parolar con ninguén polo camiño. Cando entredes nunha casa, antes de máis nada dicide: “Paz a esta casa”. E se alí hai xente de paz, sobre ela repousará a vosa paz; se non a hai, volverá convosco. Permanecede na mesma casa, comendo e bebendo do que teñan, que quen traballa ten dereito ao seu xornal. Non andedes de casa en casa. Cando entredes nunha aldea e vos acollan, comede do que vos dean, curade a xente enferma que haxa e dicídelles: “Xa chega a vós o reino de Deus”.
Meditación
Este texto saíu da man do evanxelista san Lucas que hoxe celebramos. Con canto agradecemento debemos lembrar aos evanxelistas, e, en concreto, ao evanxelista San Lucas! Grazas a eles podemos alimentar hoxe a nosa fe cristiá cuns relatos que recollen o que narraron as mesmas persoas que coñeceron e acompañaron a Xesús, pasado pola man, pola intelixencia, polo corazón de cada evanxelista en concreto. Transmiten apaixonadamente o que viron e viviron tamén con moita paixón. Que sería da vida cristiá sen evanxeos? Sempre están aí nas encrucilladas da historia, cando máis nos deixamos levar pola vaidade humana, para provocar e facilitar unha volta a Xesús, unha volta a aquel home, fillo de Deus, que revolucionou a fe, a esperanza, o amor.
Invítanos hoxe Lucas a andar os camiños, a encontrarnos coa xente, a envolvernos en pobreza e liberdade por dentro e por fóra, a ofrecer gratuitamente o que tamén gratuitamente nos foi dado, a compartir o soño de Deus que Xesús espertou en nós, a ser xente xeradora de paz. Estamos invitados a vivir hoxe o que Lucas viviu hai dous mil anos.
Oración
Grazas, meu Deus,por toda a xente que te vive con convencementoe que logo, coa palabra ou coa escrita,comparte connosco as súas experiencias.Grazas polas persoas que non falansenón do que previamente viviron.Grazas, meu Deus, polos homes e mulleresque coa palabra e coa vidanos recordan a persoa e os feitos de Xesús,e nos permiten entrar na súa mesma paixón.Grazas por esa fonte de vida e de esperanzade paz e de alento,que son os evanxeos e os evanxelistas que os escribiron.Grazas, meu Deus, grazas.
Acción
Podemos tomar conciencia da xente que ao longo da nosa vida nos foi axudando a encontrarnos con Xesús de Nazaré, o Cristo. Dámos grazas por esas persoas. Pensamos de que maneira tamén nós podemos axudar a que algunhas persoas coñezan mellor a Xesús e se decidan a seguilo.
19 de outubro: Xoves da 28ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 3, 21-30. Salmo: 129, 1-2. 3-4b. 4c-6.
Ano 2: 1ª lectura: Ef 1, 1-10. Salmo: 97, 1. 2-3ab. 3cd-4. 5-6
Evanxeo: Lc 11, 47-54
Nunha ocasión falou así Xesús, referíndose aos fariseos:
—Ai de vós, que lles facedes grandes panteóns aos mesmos profetas que asasinaron vosos pais! Así aprobades co voso testemuño o que fixeron vosos pais; eles asasinaron e vós facedes os panteóns.
Por iso dixo a sabedoría de Deus: Mandareilles profetas e apóstolos, e perseguirán a uns e asasinarán a outros”; de xeito que a esta xeración se lle han pedir contas do sangue dos profetas vertido dende a creación do mundo: desde o sangue de Abel ata o sangue de Zacarías, que morreu entre o altar e o santuario. Si, seguro que se lle han pedir contas a esta xeración.
Ai de vós, xuristas, porque levastes a chave do saber! Nin vós entrastes nin deixastes entrar aos que querían entrar.
E saíndo de alí, os letrados e fariseos empezaron e encirralo, tirándolle da lingua, para ver se o pillaban no que dicía.
Meditación
Ditas para os letrados e fariseos, estas palabras ofrécensenos agora a nós como corrección e axuda. Que nos quere dicir Xesús a nós con estas palabras? É un aviso para os nosos líderes eclesiais (bispos, curas, frades, …) que dalgunha maneira teñen, ou pretenden ter, a chave do saber, do coñecemento e da experiencia de Deus, do bo sentido da vida cristiá; ás veces cumpren ben con esa misión, pero cantas veces nin eles entran nese mundo marabilloso nin polo tanto facilitan que o pobo cristián entre! A xente normal da Igrexa, as persoas que chamamos laicas e laicos, ao tempo que podemos agradecer os servizos que o clero nos presta, tamén estamos chamadas a acceder por nós mesmas ao coñecemento e servizo de Deus, porque todas, todos somos xente bautizada, e, como tal, habilitada para ter trato persoal con Deus, para falar no nome do Deus co que tratamos, e mesmo para decidir sobre da marcha das comunidades cristiás. Todo en familia, todo en comunidade, aportando e respectando o servizo de cantas persoas facemos a comunidade.
Oración
Grazas, meu Deus,por todas as persoas que me axudana coñecerte e a gustar de ti.Grazas taménpolas que me axudan a avanzarpolo camiño da adultez humana e espiritual.Grazas por todos os momentosnos que me alentaspara dar pasos de servizodentro da comunidade cristiá e fóra dela.Grazas porque me chamasa responsabilizarme da vida propia e comunitariae a gozar responsabilizándome.Grazas porque me queres viva onda ti,no medio do pobo.
Acción
¿Vemos cousas no clero que non nos gustan e criticámolas? Igual, no canto de criticar, podiamos ir falar coa persoa concreta e transmitirlle con calma as razóns do noso descontento.
20 de outubro: Venres da 28ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 4, 1-8. Salmo: 31, 1-2. 5. 11
Ano 2: 1ª lectura: Ef 1, 11-14. Salmo: 32, 1-2. 4-5. 12-13
Evanxeo: Lc 12, 1-7
Nunha ocasión tanta era a xente reunida ao redor de Xesús que se pisaban entre si. El comezou a falar dicíndolles primeiramente ás persoas que o acompañaban máis de cerca:
—Coidadiño co fermento dos fariseos, que é a hipocrisía! Non hai cousa encuberta que non se acabe descubrindo, nin cousa oculta que non se acabe sabendo. Porque o que digades na escuridade oirase a plena luz e o que faledes ás agachadas nos dormitorios hase pregoar dende as azoteas.
E a vós, amigas e amigos meus, tamén vos digo: non lle teñades medo a quen mata o corpo, pero xa non pode pasar de aí. Vouvos dicir a quen lle tedes que ter medo: temede a quen despois de matar pode meter no inferno. Si, repítovolo, temede a esa persoa. ¿Non se venden cinco pardais por dous patacos? Con todo Deus non esquece a ningún deles. E mesmo os pelos da vosa cabeza están contados. Por iso non teñades medo, que vós valedes máis ca todos os pardais xuntos.
Meditación
Dúas advertencias moi importantes de Xesús ás persoas que o acompañaban, tamén ás que hoxe o queremos ter como compañeiro na vida. A primeira ten que ver coa hipocrisía; a hipocrisía é a falsidade, a dobrez, sentir unha cousa e simular que se sente outra. Canta hipocrisía, canta simulación polo mundo adiante! Que aguda é a tentación de hipocrisía, de simulación, de falsidade! Ninguén está libre desa tentación. Xesús foi sempre home de transparencias, nos sentimentos, nas palabras, nos feitos. A iso nos invita como a algo moi importante para ser persoa cabal e cristiá.
E a segunda advertencia ten que ver cos medos. ¿Quen non ten medos na vida? Onde están os nosos medos, está tamén o noso corazón, a nosa vida. O medo máis grande é a morrer, a que nos maten. Xesús advírtenos de que hai cousas moi importantes da persoa, que perdelas é algo tan serio ou máis que a mesma morte: a honradez, a verdade persoal, non abusar da xente, tratarnos coma irmáns/ás etc., todo isto, para el, como mostra da nosa fidelidade a Deus. Xesús invítanos a non encollernos, baseándonos non unicamente nas nosas forzas, que son cativas, senón na seguridade que nos dá saber que Deus está absolutamente por nós, e que nada se perde de canto fagamos por manter estas fidelidades.
Oración
Grazas, meu Deus,por pasar tempo contando os pelos da miña cabeza.Grazas por te parares comigo,porque te esforzas en coñecerme por dentro e por fóra,porque son importante para ti.Grazas porque non queres que nada en min se perdado que en min haxa de mérito e estima,que para ti é moito,aínda que a min non mo pareza.Grazas porque me queres,coma o mellor pai ou nai quere a súa crianza.Grazas porque velas por min, porque me coidase reservas para min a diario un anaco do teu corazóne un recanto glorioso no teu ceo,que non sei o que é,pero que, sendo cousa túa, será algo bo, moi bo.Grazas, meu Deus,co teu amor podo vencer todos os meus medos,ou, cando menos, vivir pacificamente con eles.Grazas.
Acción
Podemos facer un pequeno exercicio: coller un papel, un boli, e ir escribindo que cousas me poñen medo na vida, que cousas me dan confianza para seguir vivindo con firmeza. E saquemos as conclusións á luz das palabras de Xesús. El non está onda nós coma xuíz, senón como compañeiro co seu espírito.
21 de outubro: Sábado da 28ª semana do Tempo Ordinario
Ano 1: 1ª lectura: Rom 4, 13. 16-18. Salmo: 104, 6-7. 8-9. 42-43
Ano 2: 1ª lectura Ef 1, 15-23. Salmo: 8, 2-3a. 4-5. 6-7
Evanxeo: Lc 12, 8-12
Nunha ocasión díxolles Xesús ás persoas que o acompañaban de cerca:
—Asegúrovos que quen volva por min diante da xente, tamén o Fillo do Home volverá por tal persoa diante dos anxos de Deus; pero quen me negue diante da xente, tamén será negado ante os anxos de Deus. A todo home ou muller que fale en contra do Fillo do Home perdoaráselle; pero a quen blasfeme en contra do Espírito Santo non se lle perdoará. Cando vos leven ás sinagogas, ante os maxistrados e autoridades, non vos preocupedes de cómo vos ides defender e do que ides dicir; xa vos ensinará o Espírito Santo naquela mesmo hora o que é preciso dicir.
Meditación
A palabra non o é todo na vida, por riba da palabra están os feitos. Pero, con todo e iso, que importante é a palabra nunha persoa! Coa palabra podemos amigar ou tomar distancias coa xente e con Deus; podemos defender ou achicar aínda máis a xente pequena e a Deus nela; podemos renegar de Deus ou mostrarlle o noso recoñecemento e admiración; podemos alentar ou afundir a quen faga vida connosco, a veciñanza, a xente da comunidade, do partido político no que militamos; coa palabra podemos mentir contra a xente e contra Deus, ou afirmarnos na verdade ante a xente, ante Deus; coa palabra transmitimos afecto ou desprezo, causamos risas ou bágoas, gusto ou medo pola vida. Coa palabra podemos dicirnos a nós mesmos, ou agacharnos, simularnos ante nós, ante a xente, ante Deus.
Se nos deixamos levar polo Espírito Santo, teremos sempre palabra construtiva, palabra de liberdade, de salvación. Se non nos deixamos levar polo Espírito Santo, que grande pode ser a nosa desfeita!
Oración
Grazas, Deus noso, polo teu Espírito Santo,que nos ofreces gratuitamente en todo momento.Grazas porque con el apréndesnosa falar cando conveña e como conveña,e a calar tamén cando conveña e como conveña.Grazas, Deus noso, polo teu Espírito Santo,que nos leva ata Xesús,e nos permite recoñecelo como fillo teu,e nos empuxa a querelo, a admiralo,a intentar seguilo en todo canto poidamos.Grazas porque, deixándonos levar por el,fasnos libres e valentesante o mal que nace en nós,ante o mal que maquinan os poderes inxustos deste mundo.Grazas, Deus noso, polo teu Espírito Santo,que tanto brillou en Cristo Xesús.
Acción
¿Vémonos con medo a defender a nosa fe cristiá, os nosos convencementos cristiáns, ante calquera persoa ou grupo, ante calquera poder? Falamos disto con outras persoas cristiás e vemos que facer para non nos deixar levar por eses medos.