Testemuña evanxélica nas palabras do arcebispo de Santiago
Un ano máis se celebrou a ofrenda ao apóstolo Santiago na Catedral. Un rito quizais xa anacrónico pero no que este ano tivemos unha agradable sorpresa. As palabras que o arcebispo de Santiago Francisco José Prieto pronunciou tras a ofrenda do Presidente da Xunta de Galicia Alfonso Rueda foron sinxelas pero contundentes e con sabor a evanxeo.
Pediu alzar a voz en defensa dos migrantes e refuxiados e afirmou que era inaceptable utilizalos como arma política, cando xa acumulan a dor polo desarraigamento e o abuso das mafias. Han de ser acollidosdesde a legalidade e a fraternidade e mostrou a súa máis firme condena: nin violencia racista nin criminalización colectiva. Tamén lanzou unha mensaxe de paz para que termine a barbarie en Gaza. Poñamos xa fin a esta dramática situación humanitaria, clamou. Igualmente, reclamou o fin do sufrimento do pobo ucraíno nunha guerra sen sentido.
Invitou a alzar a voz tamén en defensa de “quen está sufrindo moi graves inxustizas: Vítimas das guerras, mulleres escravizadas en trata e na prostitución;a falta de vivenda e dun traballo digno e seguro.
Tamén lembrou que aínda que coas nosas actuacións non poidamos mudar o mundo enteiro, si se pode transformar a contorna con xestos concretos: acollendo, acompañando, compartindo, denunciando o inxusto ou sementando reconciliación.
Siñalou tamén os temas de corrupción afirmando que Erradicar calquera forma de corrupción é unha grave encomenda, pois a súa existencia é un obstáculo para o ben común, unha ferida ao corazón da xustiza e un pecado que afecta a dignidade humana, xa que destrúe e instrumentaliza ás persoas para fins egoístas e erosiona a confianza nas institucións e na sociedade en xeral, creando un ambiente de desconfianza e cinismo.
GRAZAS por liderar asi a igrexa compostelana!