Xesús Mato. Referente na música e na fe
Escribía Manolo Regal no nº 232 de Encrucillada proposito dun libro homenaxe a Xesús Mato unhas palabras que hoxe queremos recordar:
Cadrou así, que aquel luns, estando a ler o libro titulado Xesús Mato. 90 anos… e 50 do seu Fuxan os ventos, coordinado por Antonio Giz e Xulio Xiz, lía e rezaba eu as lectura do luns da 6.ª semana do T. O. Na primeira falábase do conflito entre Caín e Abel –paradigma da maioría dos conflitos humanos–, baseado fundamentalmente no afán de recoñecemento, de valoración externa, e na difcultade conseguinte para elaborar unha satisfacción propia desde o interior de cada quen, como lle suxire a voz do Señor: «Por que te alporizas e andas coa testa baixa? (O Señor reparara na ofrenda de Abel e non na súa) Se fas o ben, poderás levala ergueita» (Xén 4, 6-7). E no evanxeo contaba Marcos que os fariseos, «para probalo (a Xesús), pedíronlle un sinal do ceo» (Mc 8, 11b). Traio isto a conto porque na figura do crego Xesús Mato Mato atopo unha exemplifcación perfecta da resposta conveniente para a realidade humana que subxace e estas dúas narracións.
O libro que vos comento está perfectamente editado. É un libro de coro, coral, como se di agora, porque Mato foi así sempre, e ségueo sendo: un home, un crego, un galego de coro. Neste libro participan moitas persoas que formaron parte dese coro vital que os uniu a Mato, compartindo cada quen a súa experiencia naquela área concreta na que se sentiu máis collido pola personalidade de Mato. O libro vai acompañado polo testemuño de abundantes fotografías. Pero, e nisto vin unha ben interesante novidade respecto doutros libros destas características, a narración dos convidados a este banquete da palabra vaise cruzando coa secuencia autobiográfica que o propio homenaxeado nos ofrece. Un fondo de cor advirte da presenza destas páxinas. A suavidade da cor revela a humildade vital deste gran home que aos seus 90 anos Xesús Mato Mato segue sendo para todos nós.
E volvo agora aos textos bíblicos citados. Coñezo a Mato desde hai moitos anos. Algo, pouco, participei nas súas andanzas, maiormente nos tempos da súa presenza na Montaña do Cebreiro. Sabía algo del, xaora, pero nunca me imaxinei que fose tanto e tan cumprido o que da súa cabeciña, da súa palabra, das súas mans fora saíndo: programas de radio, corais e orfeóns, Fuxan os Ventos, movemento de mocidade, miles de artigos na prensa, recoñecemento do galego como Fala nosa, Auxilia, Crego da montaña, Reiseiros… E non mo imaxinei porque nunca vin a Mato chufándose disto e daquilo. Sempre discreto sobre de si, sempre cun aquel de inocencia, de simplicidade da boa, de ledicia nos beizos e na ollada… E agora, lendo o libro, decátome do don que ten para, en bo sentido, tirar a pedra e agochar a man: imaxinar, botar algo a andar, crear, xunguindo sempre o civil co relixioso, involucrando a quen pasaba por alí, ata o punto de convertelos en actores principais de algo que non é de ninguén porque é de todos. E sentíndose agraciado porque as cousas fosen así.
E aínda queremos algún sinal máis da presenza amorosa, viva, de Deus no medio de nós?
Houbo e hai cregos nada clericais, que por graza e esforzo souberon estar onde cómpre estar, souberon servir upando o pobo, souberon desaparecer deixando unha herdanza eclesial, popular digna de agradecemento. E a ese agradecemento nos apuntamos de corazón cunha envexa sa, xa que todo precisa de continuidade. E a esa continuidade humilde-mente me quero apuntar tamén.
En fn, 166 páxinas dunha vida en verdade para gozo e proveito de quen ben o queira.