XLVI ROMAXE

A terra quer coidados

14 de setembro de 2024- Lodoselo, Sarreaus (A LIMIA-OURENSE)

A LIMIA SERÁ O LUGAR DA 46 EDICIÓN DA ROMAXE ORGANIZADA POLA ASOCIACIÓN IRIMIA

O sábado 14 de setembro a Asociación Irimia organiza a XLVI Romaxe de crentes galegas e galegos.

O programa comezará ás 11.00 cunha acollida e petiscos. Ao mediodía, 12h, será a celebración acompañada pola música do grupo A Quella. Logo habera un xantar compartido, animando a sobremesa cunha foliada e distintas actuacións musicais, ata que ás 18.00 sexa a clausura do acto.

A organización recorda que se o tempo non é favorable, os actos serán no pavillón polideportivo.

Dende a primeira Romaxe de crentes galegas e galegos, Irimia sempre reivindicou e denunciou as situacións sociais que se dan no país, así como apoiou e puxo en valor as pingas de choiva que en cada lugar coidan da Terra. Este ano quere facer fincapé nun pensamento coidadoso: non decidir nunca polos demais. A comunidade ao servizo da comunidade. Apoiando iniciativas de axuda mutua entre a veciñanza. O coidarme, coidarte, coidarnos como xeito de ser e estar no noso medio.


A primeira Romaxe naceu a carón do Pedregal de Irimia, e foi percorrendo diferentes lugares de Galicia. Dende entón, a Asociación Irimia camiña participando en iniciativas a prol do noso país, así como editando unha revista dispoñible online (www.irimia.gal). A Romaxe de Crentes Galegos reúne cada ano a centos de persoas nunha singular romaría itinerante.

A celebración da Romaxe deste ano céntrase na necesidade dos coidados. Coidar da xente, coidar da terra. Coidando da xente coidamos a terra e coidando a nosa terra coidamos da nosa xente. Galicia, e máis aínda, a Galicia rural, ten que transformarse nun lugar de coidados, con creatividade, con solidariedade, con iniciativas sociais e políticas públicas adaptadas. Como en Lodoselo, facer da nosa tradición e maneira de vivir unha fonte de inspiración para o coidado da vida que dá vida. Iso celebraremos.

Únete a nós e convida a túa contorna!

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?