Presentación do libro de Serxio MªRodríguez Álvarez
O sábado 2 de marzo ás 12 horas, presentouse no Liceo de Ourense O pensamento político de Ramón Piñeiro, obra de Serxio María Rodríguez Álvarez que acaba de saír do forno da Editorial Galaxia. Acompañaron ao autor Hakan Casares, lingüista e conselleiro da amentada editorial, e o escritor Xosé Ramón Quintana.
Casares evocou a relación familiar da súa casa con don Ramón -da que el mesmo puido beneficiarse xa de neno- grazas ao intenso trato do seu pai, Carlos, co Mestre. Interesante o relato dunha viaxe a Escandinavia e a fascinación de Piñeiro por aquela terra tan europea. Escoitando as anécdotas que ía debullando co seu ton cordial, un pensaba que de caste lle viña…
Quintana eloxiou o interese do libro, valorando o entusiasmo xuvenil do que xurdía (“entusiasmo”, palabra moi do gusto de Piñeiro, recalcou). Dando por suposta a calidade do texto, fixo entre outros comentarios este apuntamento crítico: conviría non insistir na coherencia do pensamento de Piñeiro, senón amosar tamén os seus ocos e puntos de fuga.
Rodríguez Álvarez explicou con claridade e convicción, varias cousas: o humus do que naceu o libro, o seu galeguismo matricial; a súa admiración pola intelixencia política e a categoría humana de don Ramón; o seu propósito de contribuír a agra do pensamento político en Galicia. Tamén, algúns dos asuntos tratados no ensaio: as dúas ideas de nación, a construción da etiqueta “piñeirista”, a política cultural, o europeísmo, etc. Foi esclarecedora a contextualización de todo isto na peripecia biográfica de Piñeiro e quedou resoando a incitación a “darlle outra volta máis a como queremos que sexa a Galicia do futuro”.
O acto -sinxelo, instrutivo- cumpríu o seu obxectivo: espertou as ganas de ler o libro. Como cabía temer nun moi chuvioso mediodía de sábado, a asistencia foi discreta. Debeu roldar (este cronista estaba na primeira fila) ás vintecinco persoas: “inmensa minoría”, cifra dos privilexiados o “xustos” que, segundo as últimas enquisas, están a salvar o mundo da cultura…
Noraboa e moito ánimo para o autor e flamante compañeiro no Consello de Redacción desta revista.
Por Ramón Cao