Que é Encrucillada

A revista Encrucillada é unha publicación bimestral que desde o 27 de febreiro de 1977 aparece ininterrompida e puntualmente en números de cen a cento vinte páxinas que conteñen artigos de diversa factura e extensión.

Editada inicialmente pola EDITORIAL SEPT (http://editorialsept.gal/ ), actualmente conta con total autonomía de edición, e a súa redacción e administración ten a súa sede en Santiago. Desde o inicio da súa andaina foi dirixida polo teólogo e académico Andrés Torres Queiruga, teólogo e profesor da Universidade de Compostela, que segue á frente da Asociación Encrucillada. Actualmente é dirixida por Pedro Castelao, teólogo e profesor da Universidade Comillas.

O seu Consello de Redacción, moi renovado ao longo dos seus vintenove anos de existencia, estivo e está composto por persoas das catro provincias galegas, que traballan de maneira altruísta para o mantemento da publicación. Os responsables da publicación sempre quixeron manter unha independencia, tanto económica como intelectual, de calquera organización, incluída a institución eclesiática, da que, polo mesmo, non pretende ser voceiro nin instancia laudatoria. Isto non implica que os máis dos compoñentes do Consello de Redacción non se sintan integrantes críticos da mesma e non pretendan explicitamente contribuír á súa progresiva madurez, en busca de máis fidelidade á súa misión e ao compromiso con Galicia. A pobreza de medios e de recursos derivada desta independencia compénsase sobradamente coa liberdade de criterio en todo canto se publica.

Quen facemos encrucillada

Edita Asociación Encrucillada

Presidente: Andrés Torres Queiruga
Vicepresidente: Pedro Fernández Castelao
Secretaria: Elvira Santos Pena
Tesoureiro: José María Fernández Vázquez

Mesa de Redacción

Pedro Fernández Castelao (dirección)
Marisa Vidal Collazo (secretaría)
Manuel García Villasenín (redacción)
Carme Soto Varela (redacción)

Consello de Redacción

Clara Baliñas Vidal
Xosé Manuel Caamaño López
Xaquín Campo Freire
María José Cancelo Baquero
Ramón Cao Martínez
José María Fernández Vázquez
Antón Gómez González
Santiago González Avión
Mariano Guizán Sánchez
Xosé Antón Miguélez Díaz
Xesús Portas Ferro
Manuel Regal Ledo
Andrés Rey Sierra
Luís RodríguezÁlvarez
Lucía Santiago Díaz
Elvira Santos Pena
María do Carme Solloso Blanco
Tito Suárez Pérez
Andrés Torres Queiruga
Pilar Wirtz Molezún

Un pouco de historia

A xestación que deu lugar a Encrucillada foi longa, desde os primeiros esbozos, no ano 1966, até que foi posible a publicación do primeiro número en febreiro de 1977. No seu berce estaban as inquietudes provocadas polo Concilio Vaticano II en membros do clero que se reunían a miúdo en asembleas coñecidas como Coloquios europeos de parroquias, polo que eran coñecidos como “os europeos” (aínda que axiña deixarían de ser tales para se converter en plataforma de encontro entre clero e laicado preocupados pola identidade galega da súa reflexión relixiosa).

Nese ámbito facíase preciso un instrumento de pensamento e de intercomunicación que foi o xermolo da revista, que recibiría o nome de Encrucillada polo resplandecente simbolismo que tal denominación connotaba naqueles tempos de tanta turbulencia. O parto de á luz unha publicación galega, non só polo idioma empregado senón polos contidos, polo estilo e polo espírito de encarnación na realidade de Galicia.

Na declaración de intencións exposta no primeiro número da revista podíase ler o seguinte, en palabras do propio director: ser punto de encontro reflexivo, lugar de comuñón de experiencias para todos aqueles que comparten a nosa mesma fe, aínda que poidan ser diversos e plurais na súa interpretación reflexa, que iso é a teoloxía. E quere ser unha man tendida ao diálogo con aqueles que, sen compartir a nosa fe, se moven por idénticas arelas: servir a Galicia e servir ó ser humano de Galicia.

Contidos

Como consecuencia deste esforzo de diálogo desde a fe cristiá co mundo da cultura, os temas tratados e publicados na revista non se reduciron ao ámbito propiamente teolóxico senón que as inqueitudes culturais, sociais, políticas e mesmo económicas quedaron reflectidas nas súas páxinas. De feito, nunca foi problema acudir aos expertos en cada materia, independentemente das súas crenzas ou ideoloxías políticas, e isto tivo como resultado cerca de dúas mil colaboracións, asinadas por máis de 500 autores diferentes, que constitúen hoxe unha fonte relevante para quen busque o coñecemento deste longo período da nosa historia recente.

Actualmente, sen que a revista abandonase o espírito de diálogo que lle deu orixe, está, porén, máis especializada nos temas propiamente relixiosos, tendo en conta que xa existen outras publicacións galegas que enfocan perspectivas diferentes. Malia todo, na configuración de cada número, á parte dos espazos dedicados a estudos, achegas, xanelas bíblicas, experiencias, etc., mantense un espazo importante para as crónicas onde se dá conta da realidade eclesial, política e cultural de Galicia. Seguramente se debe a Encrucillada ter constituído xa un pensamento teolóxico netamente galego, e centrado nesta terra, que non renuncia a subliñar, con liberdade crítica, unha das dimensións do ser humano: a da transcendencia. Moito máis neste momento no que a fogueira do Vaticano II foi esmorecendo nunha tentativa sostida de silenciar a creatividade teolóxica. Tampouco renuncia ao diálogo cultural, por máis que se perciba, entre a cultura relixiosa e a secular, un progresivo distanciamento asentado nun cativo recoñecemento mutuo que cómpre ir superando sen renunciar á esperanza.

Accede á revista

Encrucilla 233

Xa es subscritor/a?